O Congreso dos Deputados abriu as súas portas a unha delegación de AGGETT

luns, 22 de maio do 2017 Redacción

A xunta directiva da Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións (AGGETT) acudiu os días pasados a Madrid para visitar o Congreso dos Deputados. A visita, que se fixo en resposta a un convite da presidenta da cámara, Ana Pastor, centrouse principalmente en intercambiar información actualizada sobre a actividade das dúas entidades. Por certo que o convite a coñecer o Congreso formalizouse durante o desenvolvemento do recente Congreso Internacional de Drons, organizado pola AGGETT en Ourense, no que participou a presidenta da cámara como invitada á cea de clausura.
Aproveitando a celebración do Día Mundial das Telecomunicacións (o pasado 17 de maio) e outras visitas que este colectivo tiña pendentes en Madrid, a embaixada da AGGETT chegou ao Congreso dos Deputados na compaña de Isidoro García, secretario xeral do Colexio Estatal de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións, o COITT. Tralo recibimento, Ana Pastor acompañou á comitiva unha visita guiada polas dependencias e diferentes espazos do edificio, explicando o funcionamento de cada un dos departamentos do órgano representativo.
Segundo nos conta a AGGETT, no encontro con Ana Pastor non se quixo deixar de lado o significativo feito de coincidir a celebración mundial das telecomunicacións co Día das Letras Galegas. Neste senso, o presidente da entidade profesional galega, José Manuel Martínez, evocou a Carlos Casares con dúas frases de seu: “A literatura non ten por que gustarlle a todo o mundo” e “Cela dime que a lingua galega debería ter un premio Nobel”. A continuación, secundou ao escritor galego sinalando que, “da mesma maneira, as novas tecnoloxías e as telecomunicacións non teñen por que gustarlle a todo o mundo, pero todos utilizámolas e fannos a vida máis doada e resulta impensábel desconectarnos delas hoxe en día, e opino igualmente que os profesionais galegos do sector tecnolóxico, en especial das telecomunicacións, tamén se merecen un Nobel e non hai mellor premio que recoñecer o seu importante traballo e achegas ao mundo empresarial e á innovación”.
Pola súa banda, a presidenta do Congreso transmitiu o seu apoio a esta nova asociación “en todas as iniciativas que emprenda”. Asemade, mostrou o seu compromiso para traballar a prol de conseguir que “a lexislación que afecta a este colectivo, sobre todo no relativo a estas aeronaves, chegue a bo porto da maneira máis áxil e eficaz posíbel”. A presidenta do Congreso, a maiores, recoñeceu e felicitou á AGGETT polo “enorme traballo realizado na súa andaina, animando aos seus integrantes a seguir traballando polo sector das telecomunicacións e as novas tecnoloxías”.
Patricia Agrelo e José Manuel Martínez, secretaria e presidente de AGGETT, fixéronlle entrega a Pastor dun recordo desta visita: o faro de Corrubedo, obra da factoría galega de Sargadelos, pola “simboloxía dupla que ten con Galicia e coas telecomunicacións”.

PUBLICIDADE