O Congreso elixe o vieiro de manter o canon dixital, pero con cambios

venres, 21 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Coronado e Galiardo, entre outros, defenderon o canon na SGAE

Finalmente, semella que haberá canon dixital para rato, logo de que o Congreso rexeitase a emenda incluída na Lei da Sociedade da Información que cominaba ó Goberno a suprimir nun ano o canon dixital, esa taxa que se dirixe a compensar ós autores polas tarefas de gravación de copia, entre outras. Nesta emenda, achegada por Entesa Catalá de Progrés no Senado, solicitábase a supresión do canon e a procurar opcións de maior consenso no vieiro de protexer os dereitos de propiedade intelectual (dado que o dito canon, como ve na cifra de sinaturas recollidas na súa contra entre a sociedade do país, divide moito máis do que une).
Ó final, e malia o apoio o PP e de ICV, a proposta foi rexeitada polos votos en contra do PSOE, CIU, EU e CHA. O BNG, xunto co PNV e ERC, optou pola vía da abstención. Neste senso, o seu representante no Congreso, Francisco Rodríguez, alegou que este non é o intre de expor “un tema tan complexo” e que cumpriría avalialo con máis tento, “sen presión nin demagoxia”.
Con todo, o canon seguirá vivo pero con algúns cambios. De feito, está programado mudarlle a feitura a principios do vindeiro ano, incluíndose cargas novas e, a xeito de contrapunto, rebaixas sobre as xa vixentes. Os impostos novos gravarán os MP3 e MP4 con 3,15 euros, os móbiles e PDAs con MP3 (1,5 euros) e os aparellos de almacenamento (30 céntimos).
Ó mesmo tempo, rebaixaranse os canons dos CDs até os 17 céntimos, os dos DVDs até os 44, e os das gravadoras de ámbolos soportes até os 3,40 euros.
A medida, como era de agardar, contenta a algúns e segue a amolar a outros.

PUBLICIDADE