O Consello Galego de Intelixencia Artificial celebra a súa primeira xuntanza executiva
luns, 14 de xullo do 2025

- Imaxe da constitución do Consello Galego de Intelixencia Artificial
O Consello Galego de Intelixencia Artificial celebrou nos últimos días a súa primeira reunión executiva tras a súa constitución o pasado 25 de abril. Durante o encontro, presentáronse as achegas dos seus integrantes ao Programa Galego de Intelixencia Artificial 2025-2027, que se elevará proximamente ao Consello de Goberno da Xunta. Este programa ten como obxectivo consolidar Galicia como un referente no desenvolvemento e aplicación da intelixencia artificial, impulsando a súa adopción en todos os sectores da sociedade galega.
Nesta primeira xuntanza, os membros do Consello tamén puideron coñecer de primeira man as expectativas das persoas con discapacidade en relación co avance da IA, nunha intervención a cargo de Luciano Fernández Pintor, vicepresidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), entidade convidada á sesión.
O Consello Galego de IA foi creado pola Lei 2/2025, do 2 de abril, como máximo órgano colexiado de participación pública, privada e do ámbito do coñecemento para impulsar a intelixencia artificial en Galicia. Nel participan responsables de distintos departamentos da Administración autonómica, representantes das universidades, colexios profesionais, centros tecnolóxicos e axentes sociais.
Durante a reunión tamén se deu conta dos proxectos piloto que se están a desenvolver a través das empresas adxudicatarias do Acordo Marco para a introdución de tecnoloxías disruptivas na Administración autonómica, en áreas como a Asesoría Xurídica ou a Intervención.
Finalmente, expuxéronse as liñas principais da resposta que Galicia está a preparar para a consulta pública da Comisión Europea sobre os sistemas de intelixencia artificial considerados de alto risco.
