O Consello da Cultura Galega abre en Internet un especial sobre Otero Pedrayo

venres, 16 de xaneiro do 2026 S. P.

No marco do Ano Oteriano, que celebra o 50 cabodano do sobranceiro escritor ourensán, o Consello da Cultura Galega (CCG) abriu no seu sitio web un espazo que concentra todos os recursos elaborados pola institución ao fío do patriarca das letras galegas.
Discursos, epístolas, publicacións, gravacións sonoras, especiais, a entrada biográfica e outros fondos documentais (artigos, manuscritos, etc.) compoñen este espazo que estará en permanente actualización, explica o CCG, engadindo que “con Otero Pedrayo ábrese unha nova forma de acceso aos contidos do CCG a través dos seus protagonistas”.
Unha liña de actuación para 2026
Unha das liñas de actuación do CCG neste 2026, aprobadas polo plenario da institución e anunciadas en sede parlamentaria, é a difusión e atención á figura e legado de Otero Pedrayo, nomeadamente á importancia e estudo sobre a paisaxe galega. Neste espazo web concéntranse recursos xa elaborados pola institución para facilitar o seu uso e consulta nun ano que concentrará numerosos eventos e iniciativas ao redor da súa figura. O novo recurso permite acceder á producción do CCG sobre case un milleiro de persoeiros da cultura galega histórica e contemporánea en permanente actualización.
No especial compílase unha parte da súa extensa produción textual e da investigación ao fío da súa obra. O conxunto destes recursos documentais permite seguir a traxectoria intelectual e a proxección pública de Ramón Otero Pedrayo desde os anos vinte ata os setenta do século XX, tanto como autor como figura central da cultura galega. Inclúe artigos críticos temperáns, como os publicados en Vida Gallega en 1926, noticias sobre a actividade do Seminario de Estudos Galegos e a súa participación en homenaxes e actos culturais, así como referencias ao nacemento de proxectos editoriais clave.
Recolle tamén textos propios de Otero Pedrayo —artigos, recensións, entrevistas e relatos como Morto de pé— que mostran o seu pensamento literario, o seu compromiso coa lingua galega na posguerra e a súa atención á creación contemporánea.
Xunto a isto aparecen documentos que evidencian o recoñecemento que recibiu en vida, como colaboracións en volumes de homenaxe, artigos de análise da súa obra, respostas académicas e estudos sobre o seu pensamento xeográfico e cultural.
Completan o corpus materiais colectivos e editoriais, como a edición facsimilar das Poesías galegas de Francisco Añónou a Historia de Galiza por el dirixida, que confirman o papel de Otero Pedrayo como articulador fundamental do galeguismo cultural e intelectual do século XX. Destacan tamén o volume que xunta artigos e ensaios de Ramón Piñeiro sobre diferentes facetas da obra de Otero Pedrayo: lembranzas persoais, consideracións sobre a Xeración Nós, a oratoria, a significación oteriana na cultura galega ou a súa especial relación con Santiago de Compostela.
Escoitalo na súa voz e na dos seus estudosos
No especial recóllense varias conferencias que amosan a dimensión intelectual e oratoria de Ramón Otero Pedrayo e a variedade de temas que abordou ao longo da súa vida. En Ourense, as súas terras e xentes, pronunciada en Bos Aires durante a súa viaxe de 1959 e recollida en Ramón Otero Pedrayo en América (I), o autor rende homenaxe á súa terra natal diante da colectividade galega emigrada. Nesa mesma estancia en América insírese tamén A paisaxe galega, as súas leis e tipos, pronunciada en 1947 na Federación de Sociedades Galegas, onde reflexiona sobre a paisaxe como elemento esencial da identidade de Galicia. Pola súa banda, a conferencia Galicia e Europa, pronunciada na Universidade de Bos Aires o 26 de xullo de 1959, revela a visión aberta e europeísta de Otero Pedrayo, que sitúa Galicia no contexto da cultura continental. Finalmente, en Homenaxe a Noriega Varela, impartida en Mondoñedo en 1967, Otero destaca con paixón a figura e a obra do poeta lugués, amosando de novo a súa mestría retórica e o seu compromiso coa literatura galega.