O Consello da Cultura Galega afonda nas conexións internacionais de Galicia no podcast Seteventos
martes, 27 de xaneiro do 2026
O Consello da Cultura Galega vai rematar xaneiro lanzando o podcast Seteventos, un especial de gravacións en liña que rende homenaxe aos principais ventos galegos (Nortada, Vendaval, Soán, Poñente, Nordés, Levante e Ábrego) e, por extensión, aos camiños bidireccionais da nosa cultura e a nosa xente no mundo.
O novo podcast aborda (de feito) as interaccións de Galicia con outros países, culturas ou dinámicas históricas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na presentación que o proxecto pretende “amosar a interacción entre Galicia e calquera outra dirección e, de paso, amosar o fondo enorme de gravacións e materiais do CCG”, mentres que o coordinador da Área de Produción de Contidos e Difusión, Manuel Gago, explicou que “encaixa nunha liña da institución de trasladar a cultura galega a todos os formatos”.
Na rolda de prensa tamén estiveron Gabri Fuentes e David Gesteira, autores do podcast, que parte da escolma de fitos, persoas ou acontecementos representativos para conectar con outras zonas do mundo empregando unha narrativa contemporánea.
Os sete episodios xa están dispoñibles en Ágora, a plataforma de podcast do CCG, así como nas principais plataformas: iVoox, Spotify e YouTube.
Seteventos estrutúrase en sete episodios guiados polas sete correntes, que se acompañan coas ilustracións de Andrea López.
O primeiro episodio, Nortada, aborda as conexións de Galicia con Irlanda e a Bretaña, explorando as correntes culturais e históricas que chegan do norte.
O segundo episodio, Vendaval, trae os aires de Portugal, afondando nas relacións de proximidade e intercambio co país veciño.
No terceiro episodio, Soán, a mirada amplíase cara a Madrid, mentres que o cuarto episodio, Poñente, abre o horizonte transatlántico cara a México, Cuba, Estados Unidos e Panamá, espazos clave da diáspora galega.
No quinto episodio, Nordés, achégase ás influencias europeas.
O percorrido continúa con Levante, dedicado ás relacións co Mediterráneo e Asia, e péchase con Ábrego, que mira cara ao sur, á Arxentina e ao Uruguai.
No proxecto participaron máis dunha ducia de nomes, entre os que se atopan Ana Boullón, Xosé Manoel Núñez Seixas, Rebeca Blanco-Rotea e Javier Serrano Alonso, entre moitos outros. O proxecto emprega diferentes técnicas, como diálogos, cortes de audios xa existentes, entrevistas, ficcións sonoras e outros recursos sonoros.
Ademais, na web do CCG proporciónanse as ligazóns aos materiais e recursos que se citan en cada unha das historias narradas.
