O Consello da Cultura Galega conmemora as Letras con publicacións, lecturas e música online

venres, 15 de maio do 2020 S. P.

O Consello da Cultura Galega vai celebrar o Día das Letras, este 17 de maio, cunha variedade de actividades online sobre Ricardo Carvalho Calero. Estas accións acompañaranse da publicación de Farsa das zocas, unha pequena peza teatral do autor ferrolán. Este é o texto escollido polo CCG para a publicación coa que cada ano celebra o Día das Letras Galegas. Desta volta, a edición facsimilar estará dispoñíbel desde este 16 de maio. O texto acompañarase dunha lectura dramatizada a cargo de Tito Asorey, Melania Cruz e María Vázquez. O propio día da celebración, o 17, o CCG difundirá na Rede a estrea absoluta dunha peza musical composta por Miguel Brotóns a partir dun poema de Carvalho Calero. O concerto institucional mantense pero trasládase de data no calendario ao 30 de outubro.
Farsa das zocas, informa o CCG, está baseada nun relato popular recollido en San Sadurniño. Ambientada na vida rural da posguerra, conta un triángulo amoroso con interese económico como pano de fondo. O texto escollido garda a aparencia de teatro popular, ten moitas chiscadelas co teatro culto no expresionismo e na estilización da materia dramática. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destaca que “entre as múltiples facetas salientábeis, neste libro homenaxe quixemos poñer o foco na vertente de creador, e escollemos a teatral, en que condensa dalgún xeito unha das súas afeccións máis temperás e as múltiples facetas do seu percurso vital”. A publicación estará dispoñibel para descarga no web da institución desde o sábado 16.
Lectura dramatizada gravada
Por mor da situación actual, a presentación non sei vai celebrar como estaba previsto inicialmente. Por ese motivo, o Consello da Cultura Galega encargou a diferentes actores e actrices profesionais a realización dunha lectura dramatizada. O resultado final é un vídeo de quince minutos de duración que dá conta deste pequeno proxecto. Tito Asorey asume a dirección pero tamén a interpretación dun papel na obra xunto con Melania Cruz e María Vázquez. Lucía R. Regueiro encargouse da gravación e edición do vídeo e Rosa Moledo do asesoramento lingüístico.
Unha estrea absoluta
Coincidindo co propio día da celebración, o Consello da Cultura Galega ten previsto realizar, nas súas palabras, “un pequeno agasallo”. Trátase, engade o CCG, dun concerto que ofrecerá a estrea absoluta de Ferrol 1916. É unha peza composta por Miguel Brotóns (Alacante, 1965) baseada no poema homónimo de Carvalho Calero da súa obra Futuro incondicional. A peza foi interpretada por Alejo Amoedo ao piano e coa soprano Patricia Rodríguez Rico. Brotóns quixo transmitir “baixo unha estética musical de corte neoclásico e posromántico con pinceladas de nostalxia, agarimo e tenrura, os recordos pretéritos do paraíso perdido da infancia do poeta vividos na súa cidade natal de Ferrol”.
O Consello da Cultura Galega no Día das Letras Galegas
Ademais da publicación facsimilar, a institución presidida por Rosario Álvarez celebra esta efeméride cun concerto institucional que serve de antesala festiva ao Día das Letras Galegas. O CCG mantén a proposta pero será máis adiante, o 30 de outubro en Ferrol, en consonancia coa medida adoptada pola Real Academia Galega, entidade promotora do Día das Letras Galegas.
A décima edición destes concertos terá lugar no aniversario do día do nacemento de Ricardo Carvalho Calero, figura homenaxeada neste 2020. Desenvolverase no teatro Jofre de Ferrol. O anuncio do adiamento do Concerto das Letras Galegas está en consonancia coa decisión adoptada pola Real Academia Galega sobre o Día das Letras Galegas, entidade promotora desta celebración, que adiou o pleno extraordinario dedicado a Ricardo Carvalho Calero ao 31 de outubro.

PUBLICIDADE