O Consello da Cultura Galega dixitaliza os fondos da Unión Barcalesa

xoves, 29 de febreiro do 2024 S. P.

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega fixo pública a dixitalización de gran parte dos fondos documentais da sociedade de instrución Unión Barcalesa, unha entidade fundada en 1907 que reunía aos emigrantes do val da Barcala (Negreira e A Baña) en Cuba. Os fondos permiten consultar documentos sobre o funcionamento da entidade entre 1907 e o ano 2004.
A Unión naceu na Habana en 1907 co obxectivo de fundar escolas na súa terra natal. A entidade deu construídas e financiadas ao longo da súa vida catro escolas: Covas (1921), Aro (1926), a Casa-Escola de Broño (1969) en Negreira, e a Casa-Escola de Seoane (1932). Boa parte dese proceso e o resto das accións da entidade recóllense nos libros de actas das xuntas directivas, das asembleas de socios, da caixa económica, do panteón e na correspondencia recibida. O acceso a estes fondos é libre e aberto no web do Consello da Cultura Galega.
Segundo explica o CCG, a dixitalización “permite comprobar a implicación da sociedade na educación de alumnos de clase baixa, pero tamén con diversos proxectos de modernización dos equipamentos e da estrutura agraria do val da Barcala, como a iniciativa de creación dun ferrocarril entre Bergantiños e Santiago de Compostela ou as campañas pola redención de foros”.
O programa Memoria documental das sociedades da emigración galega
A dixitalización dos fondos da Unión Barcalesa é parte do programa Memoria documental das sociedades da emigración galega, a través do cal o Arquivo da Emigración Galega está a recuperar os fondos de diferentes entidades asociativas da diáspora galega para a súa consulta e preservación.