O Consello da Cultura Galega mostra como adaptar as novas ferramentas ás iniciativas escolares de recollida oral
mércores, 8 de abril do 2026
Recoller a memoria oral desde a escola: experiencias e retos é o titulo da xornada coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) pon o foco no valor pedagóxico e cultural das iniciativas educativas centradas na recolla da oralidade popular en Galicia, e que tamén pon o foco na urxencia de adaptar as metodoloxías de rexistro de coñecemento ás novas tecnoloxías da información.
No marco desta actividade, impulsores e estudosos de diferentes iniciativas como as Escolas Proval ou o Cancioneiro escolar urxente do concello de Rianxo explicarán os seus proxectos na sesión deste xoves 9 de abril (a partir das 16.00 horas).
Xavier Groba González, Tereixa Otero Dacosta e Ramón Pinheiro Almuinha coordinan esta sesión presencial que tamén se pode seguir en directo desde a web do CCG e a canle de YouTube.
O Consello da Cultura explica que o profesorado e o alumnado galego teñen desenvolvido durante décadas múltiples proxectos destinados a preservar manifestacións da tradición oral (cantigas, relatos, testemuños de vida, lendas ou costumes) que “malia seren cotiás, non sempre recibiron o recoñecemento que merecen”. Porén, “lonxe de seren prácticas do pasado, estas experiencias seguen a demostrar a súa vixencia como ferramentas educativas de primeiro nivel”, apuntou o CCG, engadindo que “a través delas, o alumnado non só se achega ao coñecemento da lingua e da literatura, senón tamén á música, á historia recente e aos modos de vida das xeracións anteriores, fortalecendo ao tempo os vínculos interxeracionais”.
O programa
A xornada incluirá a presentación de diversas experiencias, tanto históricas como actuais, que exemplifican o potencial deste tipo de traballos. Entre elas destaca o proxecto Cancioneiro escolar urxente do concello de Rianxo. Educación Km 0, impulsado por José Luis do Pico Orjais. Esta iniciativa céntrase na recolla e recuperación de cantigas tradicionais directamente da contorna máis próxima do alumnado, reivindicando o patrimonio musical local como recurso educativo inmediato. O proxecto contribúe a evitar a perda de repertorios populares e fomenta a implicación da comunidade no proceso educativo.
Tamén se presentará a experiencia da Fonoteca Escolas Proval, dispoñible no Arquivo Sonoro de Galicia. Trátase dunha iniciativa estudada por Tereixa Otero Dacosta, que recolle testemuños de historia oral na comarca do Val Miñor. “Este proxecto destaca polo seu valor documental e social, ao conservar relatos de vida que permiten reconstruír a memoria colectiva da zona, ao tempo que introduce o alumnado nas metodoloxías propias da investigación histórica”, salienta o CCG.
Outro dos proxectos abordados será Cántame e cóntame avoa, o noso tesouro de cantigas, coordinado por M.ª Carme Fernández Vázquez. Esta iniciativa céntrase na educación infantil e promove o contacto directo entre nenos e maiores para a transmisión de cantigas tradicionais. “A súa relevancia reside na introdución temperá do alumnado no patrimonio inmaterial e na creación de espazos de aprendizaxe afectivos que fortalecen a identidade cultural desde idades moi temperás”, destacou o Consello da Cultura Galega.
A xornada tamén permitirá coñecer o corpus de gravacións dos cursos de galego elaborados polo Instituto da Lingua Galega entre 1979 e 1985, presentado por Francisco Fernández Rei. “Este arquivo”, sinala a organización da xornada, “constitúe unha fonte de grande valor para o estudo da lingua galega, ao documentar diferentes variedades dialectais e usos reais do idioma nun momento clave para a súa normalización”. O seu aproveitamento actual abre novas vías tanto para a investigación como para a didáctica.
A sesión concluirá cun debate moderado por Xavier Groba González, no que se analizarán os principais retos que enfronta o alumnado de primaria e secundaria á hora de recoller a memoria oral na actualidade. Entre eles, destacan a necesidade de adaptar as metodoloxías ás novas tecnoloxías, garantir a conservación e difusión dos materiais recollidos e reforzar o papel da escola como espazo clave na preservación do patrimonio inmaterial.
