O Consello da Cultura Galega pon na Rede Contra el filo del río, novela inédita de Ramón Otero Pedrayo
venres, 26 de xuño do 2026
O Consello da Cultura Galega (CCG) puxo a disposición da cidadanía a edición dixital de Contra el filo del río, unha novela inédita de Ramón Otero Pedrayo escrita en 1945. A publicación contén unha presentación de Dolores Vilavedra, presidenta do CCG; un estudo introdutorio a cargo do profesor Xosé M. Salgado, un dos máximos especialistas na obra de Otero Pedrayo, e a reprodución facsimilar do manuscrito orixinal. A obra ponse na rede na véspera da entrega do Premio Trasalba 2026.
Para o CCG, a edición constitúe “un novo fito na recuperación do patrimonio literario galego e ofrece ao público unha obra descoñecida dun dos escritores fundamentais da cultura galega.” Na presentación da edición, a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, destaca “a vasta creatividade de Otero Pedrayo que atopou na creación a áncora da supervivencia” no tempo das “miserias materiais e intelectuais” que o autor sufriu nas décadas dos 40 e 50, ao tempo que achega pistas para repensar “o peso de determinados modelos literarios na nosa tradición”.
A edición conta cun estudo crítico que contextualiza a obra dentro da produción narrativa da década de 1940 e abre novas vías para a investigación. Corre a cargo do profesor Xosé M. Salgado, un dos grandes oteriófilos e oteriólogos, que sitúa a novela no contexto da posguerra. Otero Pedrayo, apartado da vida pública e sometido ao chamado “exilio interior”, atopou na escrita un espazo de resistencia intelectual.
Escrita en Trasalba, divida en nove capítulos e asinada co pseudónimo Santiago Amaral, Contra el filo del río é unha novela de tema fantástico que dialoga coa tradición europea de E. T. A. Hoffmann (no manuscrito pode lerse baixo o titulo Fantasía al estilo de Hoffmann) e con obras como El caballero de las botas azules, de Rosalía de Castro.
A historia segue a Santiago Cañizares, un estudante madrileño que emprende unha misteriosa viaxe ata Arcaya, unha cidade suspendida entre o tempo histórico, a memoria e a morte. Ao longo do percorrido, o protagonista entra nun universo no que as fronteiras entre o real e o fantástico desaparecen, nun espazo dominado pola néboa, polos dobres, polas aparicións e por personaxes que parecen habitar entre a vida e a morte.
A edición incorpora a reprodución do manuscrito autógrafo de 68 follas escritas en tinta negra por unha soa cara. A publicación enmárcase na liña de recuperación, edición e difusión do patrimonio bibliográfico e documental, facendo accesibles ao público textos inéditos de especial relevancia para a historia da literatura galega. Ao longo deste ano, o CCG tamén poñerá na Rede outras obras de Otero Pedrayo.
