O Consello da Cultura Galega pon na Rede unha nova dixitalización da voz de Castelao

venres, 31 de xaneiro do 2025 S. P.

O Consello da Cultura Galega (CCG) segue adiante co seu continuo traballo de reivindicación da figura de Castelao a través das novas ferramentas, coincidindo coa celebración do 75 cabodano do falecemento do escritor, ilustrador e político rianxeiro en Bos Aires. Este 31 de xaneiro o CCG puxo na Rede o que sería o único documento sonoro conservado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950).
Trátase da mensaxe que o intelectual gravou en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, co gallo da estrea de Os vellos non deben de namorarse, no Teatro Solís de Montevideo o 8 de outubro de 1941 á que el non podía asistir. Esa gravación foi obxecto dunha nova dixitalización en decembro de 2024 e é, ata o momento, o único rexistro coñecido da voz de Castelao, segundo lembra o Consello da Cultura, que engadiu esta novidade ao especial posto marcha ao inicio deste ano en que se conmemora o 75 cabodano do intelectual.
“Apenas separados por un tabique non estou presente. Xa sei que as creacións do espírito non se adaptan á fronteiras da nación e que as obras de arte voan como os paxaros por enriba das fronteiras”, así comeza a gravación de Castelao que se fixo nun disco de lousa para a presentación da obra Os vellos non deben de namorarse en Montevideo. Na mensaxe reivindica que as obras de arte levan impresas o cuño dunha nacionalidade e define que “foi imaxinada para regalía do pobo galego”. A peza acompáñase dun texto do profesor do conservatorio superior de música de Vigo e membro do Arquivo Sonoro de Galicia, Xaime Estévez, que explica e contextualiza as fonopostais, que caracteriza como “un curioso procedemento promovido polo servizo de correos arxentino desa época”. As fonopostais foron moi populares en Arxentina a partir de 1939 e Estévez cita que, entre 1942 e 1943, circularon uns 200 mil discos a través deste sistema.
A representación que presenta Castelao estivo a cargo dun grupo de actores galegos integrantes da Compañía Galega Maruxa Villanueva, dirixida por Manuel Varela Buxán, quen contaron coa colaboración do intelectual ata no deseño da escenografía. Os actores que levaron adiante a estrea pertencían á emigración e foi a familia dun deles, a de Fernando Iglesias, "Tacholas" (Ourense, 1909 - Bos Aires, 1991), a que facilitou o depósito da “fonopostal” para o Arquivo Sonoro de Galicia e, polo tanto, para que formase parte do patrimonio cultural galego.
A principios deste mes de xaneiro o Consello da Cultura Galega puxo en marcha un espazo web no que se irán acubillando materiais que custodia a institución arredor da figura de Castelao. O primeiro deles foi A primeira estatua a Castelao: unha historia da Transición, que achegaba en liña documentación inédita sobre a primeira homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao que tivo lugar en Rianxo, co gallo do 25º aniversario do seu pasamento.
Con este especial o CCG abre o apartado específico no seu web no que concentrará materiais sobre o intelectual.