O Consello da Cultura Galega porá na Rede máis de 100 fondos documentais

mércores, 29 de outubro do 2025 S. P.

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, compareceu na tarde deste mércores 29 de outubro na Comisión Terceira de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia. Segundo fixo saber, o orzamento da institución para o próximo ano é de 3.337.636 euros, un 1,34%máis que en 2025. Álvarez detallou que neste ano en curso, o CCG realizará 105 actividades, 13 publicacións, 35 informes (entre informes de impacto ambiental, informes para a declaración de Ben de Interese Cultural e documentos de traballo) e porá en Rede máis de 100 fondos documentais relativos ás súas áreas de traballo.
Ao tempo, avanzou que para o vindeiro ano a institución estatutaria atenderá ás transferencias culturais derivadas dos procesos migratorios, afondará na historia e actualidade dos medios de comunicación en galego e reforzará a súa acción exterior. Os voceiros dos grupos parlamentarios expresaron o seu recoñecemento ao labor da institución.
Rosario Álvarez sinalou que o CCG prestará especial atención en 2026 aos medios de comunicación en galego, en conmemoración do 150 aniversario de O Tío Marcos d’a Portela, a primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega. Na programación figuran accións vencelladas á defensa da lingua, da cultura e dos dereitos sociais, en consonancia coa figura homenaxeada co Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño. Haberá novas edicións do Concerto das Letras Galegas e do programa didáctico-musical No bico un cantar, que en 2026 se celebrará en Vilalba. Unha das liñas de acción afondará no patrimonio natural e na paisaxe, ámbitos intimamente ligados á visión e ao legado de Ramón Otero Pedrayo, coincidindo co 50 aniversario do seu pasamento. Outra das liñas prioritarias do vindeiro ano atenderá ás transferencias culturais derivadas dos procesos migratorios, ao reforzo da acción exterior, así como aos modelos de transmisión memorial.
No primeiro trimestre de 2026 terá lugar o acto de entrega das Medallas do Consello da Cultura Galega, que na súa terceira edición recaen no científico Francisco Díaz-Fierros e na filóloga Kathleen March.
Ademais, para 2026 está programada unha serie de informes encamiñados a avaliar o sistema cultural (Barómetro da Cultura Galega e Conxunturas), así como actividades destinadas a fomentar a cultura científica, tecnolóxica e ambiental.
Para o conxunto do ano 2025, entre as actividades realizadas a día de hoxe e as previstas ata final de ano, realizaranse 105 actividades, un 9% máis que en 2024 e o 36% tiveron lugar fóra da sede institucional. Neste ano prestouse atención ao patrimonio inmaterial (danzas brancas, a rega tradicional, os oficios do mar, o baile tradicional...). Amais, púxose en marcha o proxecto Lugares de memoria, un catálogo virtual de 75 entradas que abranguen dende a Prehistoria ata a Idade Contemporánea.
A programación tamén deixou iniciativas pioneiras como Diplomacia e cultura, que xuntou por primeira vez na institución ao corpo consultar acreditado en Galicia co que se destacou a importancia da diplomacia cultural.
Neste ano desenvolvéronse 12 exposicións, tres delas de nova creación, que contaron con 26 itinerancias. En materia de asesoría, realizáronse 13 informes de impacto ambiental, 9 informes para a tramitación de ben de interese cultural (BIC) e 5 máis entre os que destaca o informe de carácter propositivo Un país coa súa lingua. Foro Participativo que contén 96 propostas para recuperar o vigor do galego.
No balance faise saber tamén que o Observatorio da Cultura Galega realizou oito informes nos que destaca o Barómero da cultura, a primeira análise da situación do gasto en cultura na Administración Local e outra sobre a situación dos museos e outros centros museísticos do país. De aquí a final de ano publicarase unha conxuntura sobre a situación actual da cultura.
En acción exterior desenvolvéronse actividades de diferente formato en Brasil (Belo Horizonte), Portugal (Lisboa, Braga, Porto, Guimaraes e Ponte de Lima), Irlanda (Dublín), Estados Unidos (Iowa), Alemaña (Flensburg e Essen), Cuba (A Habana) e no resto de España (Barcelona e Madrid).
Ademais, desde a institución realizáronse outros proxectos, como a presentación da plataforma Ágora que adapta para podcast conferencias destacadas da institución ou A carón de nós serie documental para coñecer a vida e a obra de Castelao.