O Consello da Cultura Galega presenta Ágora, colección de podcast das súas conferencias

luns, 16 de xuño do 2025 S. P.

Ágora é o novo proxecto tecnolóxico-cultural do Consello da Cultura Galega: un acubillo dixital en formato podcast coas conferencias pronunciada por diferentes personalidades na institución. William Shea, Michel Maffesoli, Xosé M. Núñez Seixas, Darío Villanueva, Isabel Burdiel, Justo Beramendi, Jorge Mira, Henar Gallego, Ramón Villares, entre outros especialistas se poden atopar neste proxecto que tamén inclúe as ficcións La lindona de Galicia e A Camisa.
Organizados nunha ducia de categorías, preséntanse contidos propios do CCG adaptados e preparados para un formato de contido en podcast para “incrementar a oferta de contidos en galego e de calidade, en consonancia co que están a facer outras entidades culturais europeas”, sinalou a entidade, engadindo que a previsión é “ir actualizando por bloques que se nutren das actividades da institución pero incorporarando tamén produción propia”.
Ademais da páxina web corporativa, os podcast iran dispoñibilizando nas plataformas Spotify e iVoox.
En palabras do CCG, a escolma presenta “unha ampla variedade temática que abrangue distintas épocas”. Nela pódese escoitar desde especialistas que falan do papel das mulleres na Hispania Antiga, a relación entre Galicia a división azul, o contexto históricos no que se creou o Seminario de Estudos Galegos; ou mesmo un percorrido pola interpretación do tempo ao longo da historia e como se acadaron solucións para igualar as medidas de referencia temporal.
Participan varios premios nacionais como Justo Beramendi, Xosé M. Núñez Seixas e Ramón Villares, entre outros; catedráticos como Jorge Mira, ou Fernando Bouza xunto cunha morea de investigadores das tres universidades galegas e dos centros de investigación do país. Tamén se inclúen figuras recoñecidas como Isabel Burdiel, Darío Villanueva, César Herreo, William Shea ou Michel Maffesoli.
No marco de Ágora, tamén se dispoñibilizan dous podcast de ficción elaborados pola institución. Un deles é A Camisa, un podcast de 5 episodios, elaborado por A Quinta do Cuadrante que adapta a peza dramática homónima escrita por Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, 1922-Madrid, 1994) na que retrata o dama da emigración na pel dunha familia que se traslada a Madrid coa esperanza dun mundo mellor.
A outra ficción é A Lindona de Galicia, podcast que ficciona en cinco episodios unha peza teatral escrita nas primeiras décadas do século XVII polo autor murciano Andrés de Claramonte e que foi moi representada durante dous séculos e que conta unha historia de enredo entre Lindona e o rei García, coa perda do reino de Galicia como pano de fondo. A adaptación en formato podcast desta peza foi dirixida por Tito Asorey, quen tamén a protagoniza xunto con Melania Cruz, Sergio Zearreta e Josito Porto.
Tamén se inclúe a recreación de Alba de Gloria, discurso que o escritor rianxeiro Castelao pronunciou o 25 de xullo de 1948 no Teatro Arxentino, como colofón das Xornadas Galegas que organizara o Centro Galego de Bos Aires, causando un forte impacto na audiencia.