O Consello da Cultura engade á súa plataforma de roteiros un percorrido con Antón Fraguas

venres, 10 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Vaise achegando o Día das Letras Galegas, o 17 de maio, e as nosas entidades culturais poñen todo da súa parte para celebralo, co engadido extra de que boa parte das celebracións programadas teñen unha parte de si mesmas mergullada no dixital. Por exemplo as que prepara o Consello da Cultura Galega para conmemorar o escritor homenaxeado este ano nas Letras Galegas: o historiador, etnógrafo e profesor Antón Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999). Hoxe mesmo o CCG presentou un roteiro en liña para introducirnos na vida, obra e contribucións de Fraguas. Podemos velo en roteiros.culturagalega. Na contribución online ofrécesenos unha proposta de itinerario de 39 puntos que discorre pola traxectoria do etnógrafo de Cotobade.
Amais diso, a entidade presentou un libro de homenaxe a Fraguas (Primeiros estudos etnográficos 1930-1932, en edición facsimilar numerada) que pon o foco nas súas primeiras etapas de traballo, na de pertenza ao Seminario de Estudos Galegos, que senta os alicerces do seu pensamento.
As iniciativas foron dadas a coñecer pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o autor do estudo crítico e biográfico, Clodio González; e o presidente da Fundación Antonio Fraguas, Xusto Beramendi. O devandito libro inclúe as obras O entroido nas terras do Sul de Cotobade, O culto ós mortos, Do folk-lore de Armeses-Listanco e As lêndas da Fonte Pormás, catro pezas datadas entre 1930 e 1932 e de contido etnográfico. Nesta ocasión, o CCG quixo ser fiel ao legado de Fraguas e seleccionou catro obras anteriores á Guerra Civil, que están en galego, “lingua que el teimou en normalizar tamén nos espazos e ámbitos dos que unha historia pouco natural a afastara”, explicouse no acto deste venres.
Como dixemos, canda a publicación tamén se deu a coñecer o Roteiro Antonio Fraguas, itinerario que percorre a vida e a obra do investigador en 39 paradas que se suceden entre as provincias de Ourense e de Pontevedra. A presentación correu a cargo de Manuel Gago, responsábel da vertente dixital do CCG, quen explicou que se trata “dun itinerario que permite recuperar a obra menos coñecida de Antonio Fraguas”. A proposta de viaxe, que foi elaborada por Clodio González a partir de textos do propio Fraguas, precisa entre 48 e 27 horas para se percorrer. Insírese dentro do Proxecto Roteiros que o Consello mantén desde o ano 2009 e que está en fase de actualización. Segundo lembraron hoxe, “trátase dunha iniciativa que ofrece propostas culturais a través dunha plataforma web, con versión adaptábel para dispositivos móbiles, que permite visualizar a nosa xeografía a través de figuras recoñecidas da cultura galega”.

PUBLICIDADE