O Coworking Dixital Compostela achega en xullo dous cursos de transformación dixital

martes, 2 de xullo do 2024 S. P.

O Coworking Dixital Compostela (espazo de traballo colaborativo e innovador da Cámara de Comercio de Santiago e integrado na Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña) vai organizar este mes de xullo dúas accións formativas que axudarán á transformación dixital de autonomos, pemes e profesionais da contorna compostelá. Trátase dos cursos Deseña unha unha proposta de valor atractiva e como comunicala e Mellora a experiencia do cliente con tecnoloxías dixitais: o Digital Journey Map. Levaranse a cabo na sede do Coworking no Polígono de Costa Vella, no 40 da rúa República Checa de Santiago.
O primeiro desenvolverase o martes 9 de xullo pola tarde, a partir das 16.00 horas. Terá 3 horas de duración. Este obradoiro ten como obxectivo ensinarnos a identificar necesidades do mercado, desenvolver unha proposta clara e aplicar estratexias de comunicación para presentara a diversas audiencias, incluíndo clientes, socios e investidores. Utilizando un enfoque práctico co lenzo da proposta de valor, proporcionaranse ferramentas e coñecementos esenciais para crear e comunicar contribucións de valor efectivas e diferenciadas.
O obradoiro será impartido por Raquel Argibay, experta en desenvolvemento empresarial e con máis de 15 años de experiencia asesorando a persons emprendedoras e pemes a mellorar a súa competitividade.
O segundo dos cursos levarase a cabo o 16 de xullo pola tarde, a partir das 16.00 horas, e será, tamén de tres horas de duración. Durante esta sesión teórico-práctica, exploraranse os conceptos fundamentais do Digital Journey Map, desde a súa definición ata a súa aplicación en distintos contextos empresariais.
As persoas participantes aprenderán a identificar puntos de interacción clave cos clientes, avaliar oportunidades para implementar ferramentas tecnolóxicas e desenvolver estratexias para optimizar cada etapa do percorrido do cliente. A través de exemplos prácticos e exercicios interactivos, os asistentes adquirirán as habilidades necesarias para transformar dixitalmente os seus negocios e ofrecer experiencias de cliente superiores e personalizadas.
A sesión será impartida por Pablo López Pérez, experto en transformación dixital e experiencia do cliente, ademais de en facilitar procesos de cambio baseados na metodoloxía do coaching e é formador de habilidades directivas e intelixencia emocional.