O Coworking Dixital Compostela prestou asesoramento transformador a 220 empresas

xoves, 12 de xuño do 2025 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago presentou este 12 de xuño a súa Memoria de Actividades 2024, no que se fai balance, segundo a entidade cameral, “dun ano de intenso traballo no apoio ao tecido empresarial da súa demarcación, que abrangue 32 concellos do sur da provincia da Coruña”.
No acto participou a responsable de Emprego, Industria, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, quen destacou "a alianza sólida e efectiva" que mantén a institución provincial coa Cámara.
A deputada puxo en valor o convenio de colaboración asinado recentemente entre ambas entidades, orientado a fomentar o emprendemento e o emprego desde tres ámbitos fundamentais: o fomento da cultura emprendedora entre a mocidade dos centros educativos, o acompañamento ás persoas emprendedoras nos seus proxectos e a creación dun servizo de apoio para facilitar o acceso a financiamento das pequenas empresas.
A presidenta da Cámara, María Pais, agradeceu o apoio da Deputación e subliñou que esta colaboración permitirá á Cámara ampliar o seu alcance e reforzar os seus servizos ás pemes, micropemes e persoas autónomas da comarca.
Durante 2024, a Cámara apoiou a máis de 3.500 empresas e persoas autónomas, mobilizando máis de 1 millón de euros a través de programas con financiamento europeo. Grazas ao asesoramento da entidade, naceron 148 novas empresas, moitas delas no Viveiro de Empresas, recoñecido entre os mellores do Estado.
Ademais, a través do programa Coworking Dixital Compostela, co-financiado ao 50 % pola Deputación e o Concello de Santiago a través do PEL-Red Coworking 2025, prestouse asesoramento a 220 empresas e formáronse máis de 250 persoas emprendedoras, “consolidando este espazo como un punto de referencia para a innovación e a transformación dixital das empresas”.
De cara a 2025, o convenio coa Deputación permitirá ampliar a acción da Cámara como axente de referencia para o emprendemento na súa demarcación. “Xunto con iniciativas europeas como os proxectos Beautiful Bees, Co-Green Market e Global2You, esta colaboración reforza o compromiso compartido co desenvolvemento económico sostible, a igualdade de oportunidades e a fixación de poboación a través do emprego de calidade”, sinalaron ambas entidades.