O Coworking IGAPE-EOI-Tecnópole comeza a súa andaina en febreiro

xoves, 13 de xaneiro do 2022 S. P.

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) compartiu máis detalles sobre o seu novo espazo de emprendemento innovador, o Coworking IGAPE-EOI-Tecnópole do que avanzamos información os días pasados dende Código Cero, unha iniciativa impulsada polas tres entidades que lle dan nome e co-financiada polo Fondo Social Europeo, que se integra nunha rede da Escola de Organización Industrial que en Galicia está constituída por 11 espazos de traballo colaborativo. Segundo informou a Tecnópole, entre febreiro a xuño dará acubillo a emprendedores cun proxecto empresarial en fase temperá ou cunha empresa acabada de crear. Será un servizo cen por cen de balde.
Tal como explica o director do Parque Tecnolóxico de Galicia, Javier Taibo, “durante este período realizaranse unha serie de actividades, como obradoiros nos que se axudará aos emprendedores a validar o seu modelo de negocio, así como a desenvolver as habilidades imprescindíbeis para poñelo en marcha. Tamén se levarán a cabo xornadas de formación grupal de todos os participantes, que contribuirán a impulsar os seus proxectos, abordando aspectos como as finanzas, habilidades de comunicación, xestión do talento emprendedor…, entre outras”.
As persoas emprendedoras participarán así mesmo en sesións de mentoring dirixidas por expertos, que as acompañarán desde o deseño do modelo de negocio á posta en marcha e optimización de cada proxecto, “dando resposta ás necesidades que xurdan no camiño”, sinalou Taibo, engadindo que o remate da edición virá marcado polo Demo Day, durante o cal presentaranse todos os proxectos, a súa evolución e as posibilidades de colaboración cos mesmos.
Taibo anima aos emprendedores a sumarse a este coworking: “En cinco meses terán pasado dunha idea a unha realidade de negocio, sen ningún custe e con moita axuda por parte de profesionais especializados, formación e un espazo onde poder traballar con todas as comodidades e servizos, mantendo relación con outros emprendedores, unha oportunidade moi proveitosa que sen dúbida os axudará a despegar”.
As empresas interesadas xa poden solicitar a súa praza no coworking a través da páxina web da EOI.

PUBLICIDADE