O Coworking de Arenaza mostra os segredos dunha boa planificación de mercadotecnia
xoves, 19 de setembro do 2024
O Pazo de Arenaza (Oleiros) acolleu este mercores 18 de setembro o curso As bases do teu Plan de Marketing como parte da programación do Rede Coworking Fest, que inclúe diferentes eventos ao longo de toda a semana en todos os espazos da Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña.
O obradoiro foi deseñado para “ofrecer unha comprensión profunda dos fundamentos do marketing”, abranguendo desde a análise do mercado ata a definición de estratexias e tácticas de comunicación. María Gómez Domínguez guiou aos asistentes a través dun proceso detallado, abordando os pasos clave para a creación e posta en macha dun plan de mercadotecnia, cun enfoque tanto teórico como práctico.
Durante a sesión, os participantes tiveron a oportunidade de resolver as súas dúbidas e aplicar os conceptos aprendidos ao desenvolver os seus propios proxectos. O obradoiro incluíu unha parte práctica, na que os asistentes contaron co apoio e asesoramento de María Gómez, permitindo a aplicación real dos principios discutidos. Esta combinación de teoría e práctica proporcionou un ambiente de aprendizaxe enriquecedor, permitindo aos participantes saír coa confianza e os coñecementos necesarios para implementar un plan de marketing eficaz.
Como dixemos, a formación no Pazo de Arenaza foi unha das actividades destacadas do Rede Coworking Fest, unha semana de eventos que se está a desenvolver en toda a provincia da Coruña. Esta actividade é unha iniciativa da Deputación da Coruña, que busca fomentar a colaboración e o intercambio de coñecementos entre os espazos de traballo e emprendedores da provincia.
A programación inclúe unha variedade de eventos, cursos, actividades e xornadas de portas abertas en todos os espazos da Rede Provincial de Espazos de Traballo, orientados a apoiar o desenvolvemento profesional e empresarial dos seus participantes.
A Rede Coworking Fest continúa ao longo da semana, ofrecendo máis oportunidades para que emprendedores e profesionais amplíen as súas habilidades e conecten cunha comunidade dinámica de traballo. Para obter información detallada sobre a programación completa e os próximos eventos, recoméndase visitar o sitio web oficial da Rede da Deputación da Coruña ou seguir as súas canles de comunicación.