O DJI Flip chega con hélices encartables e grande calidade de imaxe

martes, 14 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

En setembro DJI volveu revolucionar o mercado dos drons de consumo co DJI Neo, que destacaba pola súa versatilidade, facilidade de uso e un prezo de partida de 199 euros, e agora sorprenden co DJI Flip, que conserva a simplicidade do DJI Neo, pero conta cun deseño totalmente novo e capacidades melloradas para fotografía e vídeo grazas a un sensor CMOS de 1/1.3 polgadas que permite gravar vídeo en 4K e disparar instantáneas de 48 Mpíxeles.
O DJI Flip segue a ser un dron cun peso inferior aos 249 gramos (polo que ten poucas limitacións de uso en contraste cos drons pesados); aposta pola seguridade ao contar cun sistema de hélices cubertas que, para facilitar o seu transporte, poden encartarse; e tamén conta con sensor infravermellos 3D dianteiro que detecta obstáculos para evitar accidentes incluso en condicións de pouca luz.
Aínda que permite a captura fotográfica a 48 Mpíxeles con bastante calidade, o seu punto forte é a gravación de vídeo HDR en 4K a 60 imaxes por segundo (podendo gravar tamén cámara lenta en 4K a 100 imaxes por segundo co modo de cor D-Log M de 10 bits). O seu sensor CMOS ten unha relación de aspecto 4:3, buscando ter espazo dabondo para poder realizar recortes verticais (o que permite gravar vídeo vertical en resolución 2,7K) e integra funcións de captura intelixente moi habituais nos drons de DJI: MasterShots, Hyperlapse, FocusTrack e Panorámica.
Tamén destaca por ofrecer até 31 minutos de voo cunha única batería, ser compatible (en combinación cun mando RC-N3 ou RC 2) con transmisión de vídeo DJI O4 (que permite levar un sinal Full HD até a 13 quilómetros de distancia), e aínda que o máis recomendable é operalo con mando, tamén podemos controlo coa aplicación móbil DJI Fly ou incluso mediante voz. Cando se conecta co móbil conta coa opción de capturar audio e reducir o ruído do propio dron de xeito intelixente.
Este novo dron sae á venda a un prezo de 439 euros na súa versión básica (cun mando que precisa empregar o móbil a xeito de pantalla), podendo adquirirse por 639 euros cun mando a distancia con pantalla e por 779 euros con mando con pantalla e un centro de carga con baterías adicionais (así como unha bolsa de transporte). Esta última opción resulta bastante interesante a nivel de prezo, pois ofrece uns resultados comparables aos do DJI Mini 4 Pro, que tería un prezo de 1.129 euros.

Vídeo de presentación do DJI Flip