O DJI OM 5 incorpora funcións de pau de selfie

xoves, 9 de setembro do 2021 Marcus Fernández

O estabilizador para smartphones de DJI renovouse o verán pasado estreando un sistema de suxeición magnética, facendo así máis cómodo o seu uso intermitente, e agora chega o DJI OM 5 cun cambio moito máis rechamante, xa que, mantendo o seu tamaño de peto, incorpora un brazo extensible, ou sexa, que tamén pode facer de pau de selfie, facilitando o disparo de autorretratos máis nítidos, así como a realización de gravacións a un mesmo dun xeito fluído (aínda que os máis creativos tamén poden aproveitar de xeitos diferentes está prestacións, por exemplo, para que resulte máis cómodo realizar gravacións a rentes do chan).
O DJI OM 5 ofrece estabilización de 3 eixes para conseguir tomas moi estables, coa tecnoloxía ActiveTrack 4.0 pode facer un seguimento automático do noso obxectivo de gravación (o que permite dende tomas moi dinámicas até gravacións a un mesmo deixando o dispositivo nun mini-trípode) e incluso ten unha función chamada ShotGuides, que axuda a que os principiantes consigan resultados asombrosos seguindo unha serie de pautas.
O estabilizador tamén facilita a realización de vídeos seguindo distintos moldes establecidos con efectos preestablecidos, como o zoom dinámico, a creación de timelapses ou incluso a gravación de tomas xiratorias. Un trebello que achega toda unha serie de posibilidades de gravación co noso smartphone que pode adquirirse a un prezo de 159 euros.

Vídeo de presentación do DJI OM 5

PUBLICIDADE