O DOG publica a convocatoria de axudas para levar Internet a 100 Mbps a poboacións de menos de 150 habitantes

luns, 15 de xaneiro do 2018

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas a operadores de telecomunicacións para despregar redes de cando menos 100 Mbps en entidades de poboación do rural que non contan con cobertura nin previsión de dispoñer deste servizo. É a terceira medida do Plan de Banda Larga de Galicia 2020, que desenvolve a Xunta a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e que foi aprobada no último Consello do Goberno galego.
Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes. Poderán presentar varios proxectos cunha subvención mínima de 20.000 euros para cada un deles ata esgotar a dotación orzamentaria prevista.
A AMTEGA concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Prazos e características da convocatoria

Os operadores de telecomunicación poderán presentar as súas solicitudes no prazo máximo dun mes dende o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG.
A convocatoria inclúe un anexo coas entidades de poboación que se establecen como obxectivo por ser considerados zonas brancas de redes de nova xeración, é dicir que carecen de cobertura destas redes nin previsión de dispoñer delas.
As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 Mbps de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.

Complementariedade entre administracións

Con esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA).
Actualmente, o Goberno do Estado ten adxudicados 21 millóns de euros do PEBA, que permitirán dotar de cobertura de 100 Mbps a preto de 260.000 galegos nos vindeiros dous anos. Grazas á complementariedade e coordinación entre ambas Administracións en 2020, un 74% dos galegos terá acceso a redes ultrarrápidas. Esta porcentaxe de cobertura poderá ampliarse coas próximas convocatorias previstas polo Estado no marco Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración.

PUBLICIDADE