O DOG recolle as bases para a selección de proxectos de Hubs de innovación dixital
martes, 18 de decembro do 2018
A Xunta dá un novo paso para fortalecer o sistema de I+D+i
de Galicia coa publicación
no Diario Oficial de Galicia da primeira edición para impulsar a creación de
Hubs de innovación dixital, converténdose na primeira
Administración española en realizar unha convocatoria específica para poñer
en marcha esta nova iniciativa.
Os Hubs de innovación dixital son unha nova ferramenta
contemplada na Iniciativa Europea de Dixitalización Industrial para lograr que
a innovación dixital poida ás empresas. Permitirán aliñar, de xeito eficiente,
o coñecemento coas necesidades do tecido empresarial e os mercados facilitando,
á súa vez, que a industria e as pemes poidan incorporar e integrar na súa
estratexia de negocio diferentes servizos de innovación e tecnoloxías.
No caso do modelo galego de Hubs, as bases da convocatoria (de
concorrencia competitiva) contemplan como requisitos mínimos que as agrupacións
que os promovan conten cunha entidade representante da oferta, outra da demanda
e outra da transferencia e que algunha empresa tractora forme parte desta
alianza. A iniciativa que se presente deberá estar orientada, como mínimo, a
dúas cadeas de valor para Galicia no marco da Estratexia de Especialización
Intelixente (RIS3) e cubrir a I+D de tecnoloxías de tipo disruptivo cun
importante potencial para a industria galega. Ademais, aínda que o seu ámbito
de actuación será rexional, búscase a súa operatividade nun contexto
interrexional de cooperación e que o traballo desenvolvido teña impacto, por
tanto, na rede europea de hubs, coa finalidade de que a economía galega poida
gañar tamaño e presenza na contorna europea.
As solicitudes poderán presentarse por calquera das
entidades promotoras do Hub, desde mañá e ata o 1 de febreiro. A valoración
realizarase en base a criterios relacionados coa visión estratéxica, a proposta
operativa e a capacidade técnica tendo sempre presente a súa contribución no
avance da RIS3.
A selección dun proxecto de Hub resultante desta
convocatoria suporá o recoñecemento por parte da Administración galega do seu
carácter estratéxico, que será o requisito necesario para o acceso aos
instrumentos de apoio público que se porán en marcha e que se concretan, en
2019, no acceso á capacitación e financiamento das actuacións necesarias para a
súa posta en marcha a través da sinatura de convenios; e a partir de 2020 con
financiamento á súa actividade, xa sexa a través de proxectos de I+D+i,
servizos para PEME ou infraestruturas. O seu acceso estará sempre condicionado
ao cumprimento de requisitos específicos xa que o obxectivo é crear modelos de
negocio sostibles.
Coa posta en marcha desta nova ferramenta, para a que Europa
reserva 300 millóns de euros no período 2018-2020, Galicia agarda dar un paso
máis na súa transformación dixital e posicionarse nunha situación de vantaxe
competitiva no mercado global da economía do coñecemento.
A Comunidade gañará en competitividade, creará emprego cualificado e
incrementará o peso da actividade industrial sobre o PIB galego, a través deste
modelo colaborativo aberto, e participativo, no que as empresas terán un papel
protagonista. Hai que salientar que para o período 2021-2027, Europa contará
cun programa específico para financiar todo o que ten que ver co eido dixital,
Digital Europe, dotado con preto de 9.200 millóns de euros.
As alianzas creadas en torno aos Hubs posibilitarán que o
coñecemento dea resposta ás necesidades do tecido produtivo. Este será o que
marque os retos e o sistema de innovación dará as respostas e solucións para
incorporar as novas tecnoloxías nas estratexias das PEME. Así, cada
participante poderá extraer beneficios específicos: maior competitividade para
a o tecido industrial grazas a novas tecnoloxías adaptadas ás súas necesidades;
oportunidades de negocio e potencial exportador para os provedores tecnolóxicos
que desenvolvan os novos produtos; e oportunidades de valorización do
coñecemento xerado nos centros tecnolóxicos e de I+D+i.
As bases definíronse tras as oito manifestacións de interese
recibidas no anuncio realizado no mes de agosto con propostas lideradas pola
Asociación para o Fomento da Investigación Cerámica en Galicia (AFICEGA),
Asociación Clúster Naval Galego (ACLUNAGA), Fundación Clúster Empresas de
Automoción de Galicia (CEAGA), Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da
Vida (BIOGA), Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME),
Clúster TIC Galicia, Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e
Clúster Saúde Galicia (CSG).