O Demo Day Explorer 2026 de Compostela premia a plataforma dixital Kedada
venres, 26 de xuño do 2026
O proxecto Kedada, liderado por Sergio Dacal, impúxose no Demo Day Explorer 2026 que se desenvolveu no USC Santiago Space. A iniciativa vencedora consiste nunha plataforma dixital que promove a conexión entre persoas mediante actividades compartidas, permitindo descubrir eventos próximos, crear plans e fomentar novas relacións sociais arredor de intereses comúns.
No transcurso da xornada, seis proxectos emprendedores presentaron as súas iniciativas ante un xurado composto por José Luis Villaverde Acuña, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC; Adrián Dios Vicente, vicedecano de Estudantes e Relacións Internacionais da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC; e Manuela Mª Gómez Vaamonde, representante de Executivas de Galicia.
O segundo posto foi parar a Nailtoo, de Victoria Díaz e Carlos Bendicho Lavilla. Este é un proxecto de innovación biomédica que desenvolve unha tecnoloxía de microporación ungueal para mellorar a penetración de medicamentos no tratamento de patoloxías das unllas, incrementando a eficacia terapéutica e reducindo os tempos de tratamento. Trátase dun resultado de investigación do grupo de investigación Paraquasil da USC.
Finalmente, o terceiro posto recaeu en Gafa Taller Solutions, de Carlos Andres Salazar e Sofia Salaza. Trátase dunha proposta baseada na combinación de intelixencia artificial e impresión 3D para o deseño e fabricación de monturas de gafas personalizadas, adaptadas ás necesidades e preferencias de cada usuario, promovendo ademais solucións sostibles e baixo demanda.
A xornada permitiu coñecer tamén as propostas de StoryLab, centrada no uso responsable das ferramentas dixitais na infancia; Iacobus, orientada á divulgación do patrimonio xacobeo; e Beltane, enfocada ao benestar persoal a través da arte e a natureza, completando unha mostra representativa da creatividade e capacidade innovadora das persoas participantes.
O programa Explorer diríxese a persoas emprendedoras do ámbito universitario e desenvólvese no USC Santiago Space, dende a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio do Banco Santander e da Xunta de Galicia. Ao longo de doce semanas, as persoas participantes reciben formación en liña e presencial a través da metodoloxía learning by doing, traballando na validación das ideas de negocio e no desenvolvemento das habilidades necesarias para transformar proxectos en solucións viables e sostibles.
