O Dépor estrea unha web na que recuperan a súa historia a través de fotografías

xoves, 15 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos anos non foron poucas as veces que comentamos o proxecto de memoria dixital nacido de Abertal Networks, Phottic, que recentemente transformouse nunha spin-off e conseguiu superar a peneira da aceleradora VíaGalicia e incluso recibiu financiamento do Banco Sabadell, demostrando que existe unha grande confianza neste proxecto que tras os éxitos de O Faiado da Memoira, Carballo na memoria e outras coleccións de grande interese, dá un importante paso adiante da man do Real Club Deportivo da Coruña, co que hoxe estrea Recordos en Branco e Azul, iniciativa coa que preténdese recuperar parte da historia da formación futbolística a través da fotografía.
Este novo proxecto de recuperación histórica a través da imaxe bota a andar con medio milleiro de fotografías do arquivo historio do club herculino, permitindo así que os seareiros do Dépor poida ver fotografía que van dende o ano 1908 até hoxe, incluíndo cada imaxe un anaco de historia.
Pero a dixitalización do arquivo fotográfico do club sería só a capa máis superficial desta iniciativa, que busca enriquecerse principalmente con achegas da afección, xa que os Recordos chegarán principalmente de persoas e entidades de fóra do Club, que poderán incluír as súas fotografías no catálogo en liña sen perder a súa propiedade intelectual.
Durante a presentación do proxecto realizada esta mañá na Coruña, Manuel Pan de Phottic asegurou que “é a primeira vez que un equipo español vai buscar as fotografías e as historias nos caixóns dos seus afeccionados”, de xeito que non estariamos simplemente nunha plataforma de recuperación fotográfica, senón que as historias detrás das imaxes tamén achegarán valor e axudarán así a manter viva a historia do club dende o deportivismo.
O presidente do R.C. Deportivo, Tino Fernández, asegurou que o novo proxecto estará visible en todas as canles en liña do Club, para que se coñeza entre a afección, para que así consulten esta nova plataforma e contribúan ao seu crecemento, mentres que Manuel Pan non dubidou en asegurar que a forza do proxecto está precisamente nos estadio, xa que serán os propios seareiros do Dépor, que van a Riazor a ver xogar ao seu equipo, os que farán que este proxecto gañe entidade, podendo realizar achegas aos Recordos en Branco e Azul tanto a través da súa páxina web (adaptada a dispositivos móbiles) como acudindo ás oficinas do Club para a súa dixitalización.

Recordos en Branco e Azul recolle imaxes dende 1908

Vídeo promocional do proxecto singular de Phottic co R.C. Deportivo da Coruña

PUBLICIDADE