O DevFest celebrarase en Santiago este outono poñendo o foco na IA e no desenvolvemento web

luns, 30 de outubro do 2023 S. P.

A finais do mes de novembro dará comezo un dos encontros tecnolóxicos máis senlleiros do panorama autonómico e estatal, estamos a falar do DevFest Santiago de Compostela 2023, que arranca o xoves 30 de novembro e se estende até o 1 de decembro, con horario de 15:30 a 20:30h.
Os DevFest son eventos a grande escala encamiñados á comunidade tecnolóxica que teñen lugar anualmente por todo o mundo, polo que non hai dous DevFest iguais. No caso do DevFest Santiago de Compostela 2023, o lugar de celebración será a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela. Profesionais, estudantes, seareiras e seareiros compartirán coñecementos e ideas arredor da Intelixencia Artificial (IA) e o desenvolvemento web, eixos temáticos do evento e de grande relevancia na actualidade informática.
A cita estará composta por varias charlas e obradoiros prácticos orientados a un público aberto, dende persoas expertas até público alleo ao sector sen coñecementos técnicos. As sesións serán impartidas por profesionais salientábeis do sector, contando coa presenza de Google Developer Experts como Carlos Azaustre, profesor e creador de contidos dixitais; Mercedes Rodríguez, especialista en IA conversacional; ou Thomas Steiner, doutor en ciencias da computación e especialista de Google en tecnoloxías web, entre outros moitos relatores de alto nivel.
Cómpre dicir que alén de ter o apoio de Google e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría, o evento conta co patrocinio de empresas de renome, como Gradiant, Raiola Networks, Dinahosting, ou JetBrains, entre outras. Grazas a elas, achegaranse refrixerios de balde durante o evento e sortearanse licencias de software entre os asistentes.
A reserva de entradas é gratuíta, e cómpre realizala dende a propia web do evento, onde tamén se recolle outra información de interese como a axenda e información loxística.