O Deza mostra a súa riqueza nun blogtrip organizado pola Deputación de Pontevedra

xoves, 22 de febreiro do 2018 Redacción

A Deputación de Pontevedra organizou os días pasados un itinerario turístico-bitacoreiro para reivindicar, visualizar e enxalzar os múltiples atractivos da comarca do Deza. A actividade, celebrada ao abeiro da campaña Somos historias, consistiu nun blogtrip pola devandita bisbarra no que participaron algúns dos máis destacados blogueiros do noso panorama dixital. O cancelo que acompañou e vertebrou o percorrido a través do Twitter, #RutaDeza, acadou en soamente 24 horas, máis dun millón de impresións trala publicación de 40 chíos na dita rede social.
Ao longo da xornada, as/os blogueiras/os puideron coñecer o Mosteiro de San Salvador de Camanzo, visitar as adegas Castro Brey, degustar cocido con motivo do mes que lle rende homenaxe a este prato, visualizar os Xenerais da Ulla no campo da festa de Vila de Cruces, percorrera Fraga de Catasós e coñecer o Pazo de Liñares.
Como dixemos, a Deputación de Pontevedra promoveu esta actividade no marco da súa campaña de promoción turística Somos historias, posta en marcha neste 2018, Ano Cultural do Patrimonio Europeo. A acción, centrada na promoción do destino a través das redes sociais, tiña por obxectivo “pór en valor os recursos existentes no interior da provincia, impulsar unha imaxe de provincia vencellada ao turismo sustentábel e desestacionalizar a demanda”.
A través deste percorrido polo interior de Pontevedra, as persoas participantes puideron coñecer o patrimonio natural, gastronómico, enoturístico e cultural da comarca do Deza, por exemplo a Festa do Cocido de Lalín, que este ano celebrou as súas vodas de ouro, e os Xenerais da Ulla, con máis dun século de historia; ambos representantes do patrimonio inmaterial da provincia de Pontevedra.

PUBLICIDADE