O Día das Rapazas nas TIC 2024 vén cunha ruta divulgativa de exploradoras dixitais
mércores, 17 de abril do 2024
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza o Día Internacional das Rapazas nas TIC 2024 (International Girls in ICT Day) co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Secretaría Xeral da Igualdade e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). Esta duodécima edición, o evento, destinado a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional, celebrarase o vindeiro xoves, 25 de abril, de 10:45 a 19:00 horas na sede do CESGA e do CiTIUS (Campus Vida de Santiago).
A actividade, destinada ao alumnado de primaria e secundaria de Galicia, comezará pola mañá, de 10:45 a 12:30 horas, cunha multiconferencia web, que se retransmitirá por streaming, na que participarán profesionais galegas que contarán, dun xeito ameno e polo miúdo, a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos eidos para mellorar a sociedade. Participarán nunha mesa redonda, moderada pola coordinadora da Área de eLearning do CESGA, María José Rodríguez Malmierca, catro destacadas tecnólogas galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas: Antía Fernández, Lorena Fernández, Olalla Rama e Noemí Basanta.
- Antía Fernández
Antía Fernández López é enxeñeira de Telecomunicación e Máster en Docencia Telemática pola Universidade de Vigo (UVigo) e MBA pola Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE). Desde 2008 traballa en proxectos de I+D para diferentes sectores en Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicaciones de Galicia). As súas áreas de traballo van desde a ideación, á execución, xestión de proxectos, xestión da área tecnolóxica e desenvolvemento de negocios, ademais de ter experiencia en tecnoloxías en torno a datos, con énfase en intelixencia artificial, conectividade e ciberseguridade.
- Lorena Fernández
Lorena Fernández Fernández estudou Matemáticas na Universidade de Santiago (USC) e completou os seus estudos cun Máster en Matemática Industrial na UVigo. Traballou no Grupo de Enxeñaría Integrada da Universidade da Coruña (UDC). Posteriormente, traballou no Centro Nacional de Energías Renovables, en Pamplona, en proxectos de investigación co obxecto de resolver problemas de interese académico e industrial na área da dinámica de fluídos con sistemas informáticos de rendemento. Actualmente, traballa no CESGA como técnico superior de investigación na liña de aplicación da Intelixencia Artificial á produción industrial.
- Olalla Rama
Olalla Rama García licenciouse en Informática pola UDC, cun Máster en Ciberseguridade. A súa carreira profesional comezou a vincularse ao campo da ciberseguridade, especificamente orientada ao pentesting. Actualmente desenvolve funcións relacionadas coa análise e xestión de vulnerabilidades nun proxecto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, destinado á mellora da ciberseguridade das entidades locais de Galicia. Ademais, participa activamente en competicións CTF (Capture The Flag) que poñen a proba os seus coñecementos e habilidades como hacker.
- Noemi Basanta
Noemí Basanta Cheda é licenciada en Arquitectura pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, con especialidade en Urbanismo. Despois de pasar por diferentes estudos de arquitectura e deseño de escenografía, comezou a traballar en Parques Infantís Galopín, desenvolvendo propostas de espazos de xogo infantil ao redor do mundo. Ten quince anos de experiencia nesta complexa actividade de intervir no espazo público para un usuario tan sensíbel como a nenez, con influencia directa na sociedade.
A xornada continuará pola tarde, de 17:00 a 19:00 horas, cunha actividade extraescolar para que rapazas e rapaces de primaria e secundaria da zona compostelá descubran a actividade en torno á tecnoloxía que se desenvolve no CESGA e no CiTIUS, con visitas didácticas ao supercomputador FinisTerrae III e ao ordenador cuántico de Galicia, Qmio, e demostracións das tecnoloxías máis actuais coas que se traballa nestes centros.
Ademais, esta actividade completarase cun percorrido polo Campus Vida da USC, entre o CESGA e o CiTIUS, onde os estudantes poderán coñecer os referentes históricos e actuais do mundo da tecnoloxía, descubrindo os logros tecnolóxicos conseguidos polas mulleres no ámbito das TIC da man de científicas de ambos centros. Ada Lovelace ou Ada Bryron, a primeira programadora da historia, guiará aos estudantes neste percorrido teatralizado. Todos aqueles que completen con éxito esta Ruta das exploradoras dixitais recibirán unha credencial de recordo, a CompoSTEMla, así como un agasallo sorpresa.
Os estudantes coñecerán a traxectoria profesional de mulleres referentes no ámbito tecnolóxico como Ángela Ruíz Robles, mestra en Ferrol apaixonada da tecnoloxía que ideou e patentou unha enciclopedia mecánica, considerada o primeiro libro electrónico da historia; Gladys Mae West, a matemática detrás do GPS; Ada Lovelace, máis coñecida como Ada Byron, matemática e escritora británica do século XIX, considerada a primeira programadora da historia célebre polo seu traballo sobre a computadora mecánica; Grace Hooper, matemática que inventou un tradutor para que as máquinas puideran entender as instrucións das persoas; Margaret Hamilton, primeira enxeñeira de software da historia, peza principal no equipo de tecnoloxía da misión astronáutica máis importante de todos os tempos, Apolo 11; e Hedy Lamarr, enxeñeira autodidacta, ademais de actriz de Hollywood, que na II Guerra Mundial inventou un sistema de comunicación secreto que deu lugar á Wi-Fi, GPS e Bluetooth actuais. Tamén participarán tecnólogas do CESGA como a enxeñeira en telecomunicacións Natalia Costas; a doutora en tecnoloxía educativa María R. Malmierca; a matemática Lorena Fernández; a enxeñeira informática Cecilia Grela; e a investigadora do CiTIUS Albina Sarymsakova.
Ademais, colaboran nesta edición da efeméride a Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT-Gal), a Asociación PuntoGAL, a Universidade de Santiago (Facultade de Ciencias da Educación, Oficina de Igualdade e Woman Emprende) a Facultade de Informática da Universidade da Coruña, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Hello Sisters! e GalsTech.
O CESGA coordina desde 2012 o Proxecto Europeo ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción está reforzada coa iniciativa galega Rapazas Emprendedoras nas TIC na que colabora o CPEIG no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, baixo a coordinación da Secretaría Xeral da Igualdade, dirixida ás rapazas de primeiros anos de secundaria.
Xa se poden facer en liña as inscricións da mañá e da tarde.