O Día das Rapazas nas TIC celebrou a súa 13ª edición cun novo encontro inspirador con tecnólogas

xoves, 24 de abril do 2025 S. P.

A Área de eLearning do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizaron este xoves 24 de abril, xunto con Igualdade da Xunta, a 13ª edición do Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day), actividade destinada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.
O evento celebrouse pola mañá na sede do CESGA e foi inaugurado pola directora de GAIN e presidenta do CESGA, Carmen Cotelo; a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana Pérez; o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
A actividade, destinada ao alumnado de primaria e secundaria de Galicia, consistiu nunha charla en vivo na que participaron profesionais galegas que contaron dun xeito inspirador a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos eidos para mellorar a vida de todas e todos.
Interviñeron na mesa redonda, moderada pola coordinadora da Área de eLearning do CESGA, María José R. Malmierca, catro destacadas tecnólogas galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas: Marta Losada Estévez, Yolanda Blanco Fernández, Nadezhda Lucía Techera Salvador e Alejandra Lugilde (Simbeli en RRSS).
Desde uns 20 centros escolares máis de medio millar de estudantes enviaron preguntas e inquedanzas en directo para poder ter diálogo directo coas tecnólogas convidadas. Tamén de forma presencial e ao remate do coloquio, as estudantes presentes realizaron unha visita guiada ás instalacións do CESGA para coñecer o superordenador Finis Terrae III e o ordenador cuántico galego Qmio.
As relatoras do coloquio deste XIII Día das Rapazas nas TIC 2025 do CESGA foron:
- Marta Losada Estévez, graduada en Física pola USC e compañeira do CESGA. Está formándose no eido da Computación Cuántica co seu TFG e no Máster en Ciencia e Tecnoloxías da Información Cuántica da USC. Arestora forma parte dun grupo que está a desenvolver un simulador de computación cuántica distribuída.
- Yolanda Blanco Fernández, doutora en Enxeñería de Telecomunicación e profesora titular no Departamento de Enxeñaría Telemática da UVigo. Traballa como investigadora en atlanTTic, onde ocupou a subdirección ata asumir o seu actual cargo como directora da Área de Dixitalización desta universidade. A súa actividade investigadora inclúe sistemas de personalización e recomendación (técnicas de modelado de usuarios e estratexias de filtrado), Web Semántica, desenvolvemento de servizos e aplicacións para redes móbiles ad-hoc e, no eido da IA está centrada no emprego de modelos de Deep Learning baseados en arquitecturas Transformer para o procesado de linguaxe natural.
- Nadezhda Lucía Techera Salvador, estudante do grao en Enxeñería Aeroespacial na UVigo e forma parte do departamento de Aerodinámica na asociación UVigo Motorsport, o único equipo galego na Fórmula Student, unha competición automobilística entre estudantes de universidades de todo o mundo que promove a excelencia na enxeñaría a través dun concurso de automóbiles onde cada equipo universitario deseña e constrúe un vehículo monopraza co que se compite.
- Alejandra Lugilde (Simbeli en RRSS), é enxeñeira informática de 29 anos especializada en IA, graduada pola Universidade Politécnica de Madrid en 2017. Conta cunha ampla experiencia no desenvolvemento de software, arquitectura de solucións e liderado de proxectos tecnolóxicos. Na actualidade, desempeña dous roles clave: como Global GSC Practice Lead, dirixe no seu departamento a nivel global a estratexia e mellora dos procesos de traballo dos equipos; e como Technical Architect, liderando proxectos cloud de gran complexidade. Fóra do tecnolóxico, é coñecida en redes sociais como Simbeli_, onde suma máis de 3 millóns de seareiras/os en TikTok, Instagram e YouTube.