O Echo Show estrea versión de 21 polgadas

mércores, 20 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Hai tres anos Amazon sorprendeu presentando o Echo Show 15, unha das súas pantalals conectadas, que en vez de ter un formato de altofalantes con pantalla, adoptaba a forma dun cadro que pendurar na parede para poder gozar da súa pantalla Full HD de 15,6 polgadas tanto para o control domótico como para a realización de videoconferencias e a reprodución de contidos multimedia.
Agora anuncian a renovación deste dispositivo, e a grande sorpresa que o acompaña é a incorporación dun irmán maior, o Echo Show 21, que busca potenciar o seu uso como pantalla multimedia, de xeito que nalgunhas estancias do fogar podería servir para substituír a un televisor, á vez que achega as funcións de fogar dixital e comunicación multimedia.
O novo Amazon Echo Show 15 pode xa adquirirse en España a un prezo de 329,99 euros, incorporando un son máis potente e rico en matices, un controlador de fogar dixital compatible con Zigbee e Thread, a súa cámara de 13 Mpíxeles conta con función de centrado automático grazas a que dobra o campo de visión e incorpora zoom de 3.3x e a súa conectividade sen fíos agora é Wi-Fi 6E.
O Echo Show 21 é basicamente unha versión de maior tamaño, que pode adquirirse a un prezo de 439,99 euros. Estes prezos deberían ser unicamente unha orientación para saber o seu prezo máximo, pois os dispositivos de Amazon son susceptibles a descontos importantes, e como exemplo temos o anterior Echo Show 15, que pese a ter un prezo de 300 euros, cada dous meses podía conseguir a un prezo de entre 230 e 260 euros.

O Echo Show 21 pode empregarse para a realización de videoconferencias no ámbito familiar