O Encontro ClubUE da Deputación da Coruña pon o foco no uso seguro da Internet

mércores, 10 de xullo do 2024 S. P.

A segunda edición do Encontro ClubUE, as xornadas de intercambio xuvenil organizadas por Europe Direct A Coruña (Deputación) e Europe Direct Asturias, reúnen estes días en Oviedo (até mañá xoves) a mozos e mozas membros dos seus ClubUE para compartir tres días de formación, debate e intercambio de vivencias. A ciberseguridade e o uso responsábel e útil das novas ferramentas centran boa parte das actividades programadas.
O Encontro ClubUE é unha experiencia de aprendizaxe non formal no que as persoas participantes poden desenvolver e adquirir competencias ao tempo que se atopan con compañeiros e compañeiras interesadas en compartir a súa visión da Unión Europea e as súas vivencias e experiencias neste ámbito.
O programa de actividades previsto está dividido en dúas áreas. A primeira delas é un bootcamp formativo que estará centrado na ciberseguridade, a concienciación dixital e a educación no uso responsábel de Internet baixo a perspectiva das políticas e accións da Unión Europea. Esta formación abordará temas como a seguridade emocional en liña, o desenvolvemento dun perfil dixital seguro ou a desinformación.
A segunda área, denominada Espacio Europa, é un punto de encontro para o intercambio de experiencias, o networking, o debate europeo e para descubrir o Oviedo máis europeo.
No encontro participan mozas e mozos da provincia da Coruña e de Asturias de entre 18 e 26 anos e que pertencen ao ClubUE, un espazo virtual pensado para achegar a mozos e mozas as oportunidades que existen dentro da UE e que foi creado pola oficina europea da Deputación da Coruña en decembro de 2020. Europe Direct Asturias replicou esta iniciativa no seu territorio en outubro de 2022 e ambos centros teñen colaborado xa en varias actividades que inciden no intercambio de experiencias e creación de rede entre xente moza das dúas zonas.

PUBLICIDADE