O Encontro da Toxa pon o foco nas oportunidades da IA para un mercado laboral inclusivo

xoves, 11 de xullo do 2024 S. P.

Este xoves 11 de xullo inaugurouse a cuarta edición do evento O Encontro da Toxa 2024. No ato de aapertura interviron o conselleiro de Emprego, José González, o presidente do consello rector de CESUGA, Venancio Salcines, e a responsábel do servizo de estudos, políticas públicas e relacións institucionais do Banco Santander, Bárbara Navarro. Na apertura de actividades González avogou por un mercado laboral inclusivo, dinámico e aberto grazas á contribución da Intelixencia Artificial.
O Encontro da Toxa é un foro económico de referencia en Galicia que organiza CESUGA coa colaboración da Xunta de Galicia. Con máis de 70 relatores e 400 asistentes, a illa da Toxa convértese até mañá nun espazo de valor compartido, de cooperación e sinerxías entre o tecido empresarial, o mundo universitario e o sector público, co foco posto este ano nas oportunidades que ofrece a transformación dixital e a Intelixencia Artificial.
Nesta liña, o titular de Emprego, que tamén participou nunha das mesas redondas, puxo en valor a importancia desta cita clave para as persoas emprendedoras, “para que saiban como aplicar a dixitalización e como está cambiando a forma de crear novos negocios”, lembrando “a aposta firme do Goberno galego polo emprendemento e destacando que Galicia vén de recibir o premio Rexión Emprendedora Europea 2025, importante aval da estratexia da Xunta para crear actividade empresarial que xera riqueza, emprego e fixa poboación”.
No contexto da temática do foro González puxo en valor a aposta da Xunta por modernizar o Servizo Público de Emprego co apoio da Intelixencia Artificial a través da ferramenta EMi, dispoñíbel xa nas 54 oficinas de emprego de Galicia, co fin de cubrir as vacantes laborais e que “permitirá realizar nun ano o perfilado competencial de 70.000 persoas que estean buscando activamente traballo para mellorar a súa empregabilidade”, dixo.
Tamén no eido do emprego destacou a oportunidade que ofrecen as microformacións para a actualización de capacidades e lembrou que esta semana vén de publicarse unha nova orde de axudas a entidades de formación para impartir cursos dirixidos a desempregados na convocatoria 2024-2025, cun orzamento de 76 millóns de euros, o máis alto dos últimos 15 anos, co que se aspira a cualificar unhas 18.000 persoas.
No ámbito do emprendemento, destacou así mesmo o papel da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego impulsada pola Xunta, cun total de 14 centros activos na actualidade e máis de 2.100 proxectos atendidos desde a súa posta en marcha.
Amais, mencionou outras ferramentas como o Mapa de emprendemento virtual, onde se integran os axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio en Galicia; iniciativas como os proxectos de coworking e coliving para fixar poboación rural, atraendo traballadores de alta cualificación que sexan nómades dixitais; ou o programa Xerme Ecommerce, unha nova aceleradora de proxectos de comercio electrónico presentada onte coa colaboración do Clúster do Ecommerce galego.
Julián Cerviño falou da Lei para o Impulso da IA de Galicia
A Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial de Galicia, que se atopa en fase de consulta previa ao trámite parlamentario e que avanzará na dotación de seguridade xurídica para favorecer a implantación de sistemas intelixentes que melloren a eficacia dos servizos da Administración, foi o tema que destcou no Encontro da Toxa o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño.
Cerviño participou nunha mesa redonda sobre IA xenerativa: primeiras leccións aprendidas e expectativas, agora que?, onde anunciou a posta en marcha de proxectos piloto de IA xenerativa en ámbitos como a Asesoría Xurídica, Intervención ou Facenda pública. Estes casos de uso van dende sistemas de busca e clasificación de documentos ata asistentes de conversación.
Para o director da Axencia autonómica, ademais da seguridade xurídica, o principal reto é “gañar en eficacia e eficiencia, ademais de proporcionar unha atención personalizada, regular a planificación e gobernanza da IA a través da lei, e avanzar cara á soberanía tecnolóxica”. Destacou a importancia da sustentabilidade financeira dos sistemas que se poñan en marcha, así como a súa adaptación ás necesidades específicas da Administración galega.
Na súa intervención, Julián Cerviño tamén destacou a importancia das medidas de impulso no uso da IA recollidas na lei que se está a tramitar, como os incentivos económicos ou fiscais para empresas e profesionais. O obxectivo é atraer investimentos e promover a creación e retención de talento a través da FP e da Universidade. Por último, referiuse tamén á importancia de manter os esforzos para a capacitación actualizada da cidadanía.