O Espazo Maker Compostela achega en novembro novos obradoiros

mércores, 23 de outubro do 2024 S. P.

O Espazo Maker Compostela, aberto na Casa das Asociacións de Cornes, ofrecerá novos obradoiros no mes de novembro para, en palabras do Concello, “seguir impulsando a innovación e a creatividade entre a veciñanza e apoiando á comunidade maker de Santiago”. Todas as actividades, dirixidas a persoas maiores de 16 anos, son de balde.
Respecto do programa en si mesmo, haberá un obradoiro sobre o hardware-software libre Arduino o sábado 9; un taller sobre deseño e impresión 3D no venres 15; unha sesión sobre competencias dixitais básicas no sábado 23; e un obradoiro de iniciación ás redes informáticas LAN, o sábado 30 de novembro.
As persoas interesadas poden inscribirse no formulario que atoparán na web do Espazo Maker, onde tamén se poden propoñer as acción formativas interesantes para desenvolver a partir do mes de novembro. O Espazo Maker Compostela abre de xeito habitual os venres de 16 a 20 horas e os sábados de 10 a 14 e de 16 a 20 horas.
O Espazo Maker Compostela empezou a funcionar en xullo na Casa das Asociacións de Cornes, nunha aposta da Concellaría de Promoción Económica de Santiago por “dar continuidade a outras iniciativas exitosas como a Academia Maker que funcionara de maneira itinerante pola rede de Centros Socioculturais, ou o laboratorio dixital móbil que percorreu a cidade durante varias semanas”. Estas accións estaban enmarcadas no programa de dinamización económica Faino Ti, financiado con fondos europeos da EDUSI.
O equipamento informático e tecnolóxico utilizado nesas iniciativas pasou a ser propiedade do Concello, e é o que se utiliza no Espazo Maker Permanente. “Estas instalacións contribúen a acadar os obxectivos establecidos na Axenda Urbana 2030 de Santiago, promovendo a innovación, a sostibilidade e a participación cidadá, dando cumprimento á liña de acción relativa á diversificación económica, que sinalaba o reto da creación dun espazo maker e de que Compostela sexa a sede permanente da Maker Faire Galicia”, engadiu o Concello.