O Espazo Xuvenil de Ribeira forma a mocidade local en novos contidos

mércores, 12 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

Dende o pasado mes de outubro está operativo en Ribeira un innovador centro para o lecer e a formación da mocidade local. Estamos a falar do Espazo Xuvenil, emprazado no segundo andar do Mercado Municipal e posto en marcha polas concellerías de Xuventude e de Cultura. A idea, como dixemos, é a de xuntar dúas vertentes que non teñen por que estar contrapostas: por unha banda a vertente capacitadora (extraendo con obradoiros innovadores o talento que a mocidade leva dentro) e, pola outra, a vertente do ocio e o divertimento. A iniciativa, que vai dirixida a rapazas e rapaces de entre 14 e 19 anos, ten horario de 17.00 a 22.00 horas e, polo de agora, está funcionando os venres, sábados e domingos. Estes meses de novembro e decembro, o programa do Espazo Xuvenil fortaleceuse cunha serie de obradoiros sobre deseño e impresión, stop-motion, artes plásticas e creación audiovisual.
As actividades, todas elas de balde, responden directamente ás demandas e suxestións dos usuarios, seguindo a filosofía do propio Espazo Xuvenil, que tamén foi impulsado a raíz dunha serie de enquisas feitas nos centros educativos locais sobre as principais necesidades da mocidade ribeirense.
O mes de decembro (até o día 9) comezou co Obradoiro Aberto de Deseño e Impresión, destinado a brindar aos asistentes a oportunidade de achegarse á imaxe virtual e a todas as posibilidades da creacións 3D. O curso contou cunha máquina de prototipado (impresora 3D) coa que facer realidade os devanditos obxectos.
De maneira simultánea e co mesmo horario, desenvolveuse o Obradoiro de Stop Motion, que introduciu aos participantes na técnica de animación visual do mesmo nome, consistente en aparentar o movemento de obxectos estáticos mediante unha serie de imaxes fixas sucesivas. O taller tamén incluíu o deseño de decorados, elaboración e xeración de movemento dos personaxes ou, incluso, a dobraxe.
Na segunda quincena de decembro (días 15, 16, 22, 23, 29 e 30) haberá un Obradoiro Aberto de Artes Plásticas impartido por Lucía Romaní. Segundo informan os responsábeis do Centro Xuvenil, empregarase na actividade formativa todo tipo de materiais da contorna (elementos de refugallo, mesas e cadeiras…) para “xerar unha linguaxe artística”.
Accións en novembro
O novo Espazo Xuvenil aberto por iniciativa do Concello alcanzou en novembro o seu segundo mes de andaina cun obradoiro de fotografía e outro de iniciación á curtametraxe. O primeiro equipou ás mozas e mozos participantes de todo preciso para poder rodar un filme, rematando a liña formativa, o 30 de novembro, cunha gala (Alfombra vermella) de estrea na que se presentaron as películas gravadas.
O obradoiro de fotografía, pola súa banda, formou aos rapaces nas principais características da fotografía analóxica e dixital, nas técnicas de composición, enfoque e encadre, na fotografía con móbiles, no retoque dixital e na fotomontaxe. Ao rematar cada xornada os participantes puideron proxectar as súas capturas no propio Espazo Xuvenil.
Outra das actividades levadas a cabo estes días foi unha viaxe de aventura aos Canóns do Sil, que incluíu aloxamento no Esgos YouthHostel, unha visita ao mosteiro de San Pedro de Rocas, unha xincana con GPS, unha ruta a pé polas pasarelas do río Mao e maila visita aos Canóns.
Ademais das actividades organizadas cómpre lembrar que o Espazo Xuvenil está dotado doutras propostas para o lecer dos seus usuarios, tales como xogos, mesas de traballo, ordenadores, espazo Wi-Fi, set de DJ, libros e moitos outros elementos.

PUBLICIDADE