O Espazo de Coworking A Proa conta xa con 17 postos ocupados

martes, 26 de setembro do 2023 S. P.

O espazo de traballo colaborativo e innovador A Proa, emprazado á entrada do Polígono Novo Milladoiro (Ames) xa conta na actualidade con 17 de 36 postos cubertos por 12 empresas. A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, reuniuse este luns 25 de setembro coa xestora do espazo, Nieves Iglesias, o fundador e xerente de WekCo, Juan Diego Pereiro, o técnico Jorge Couñago, e cos coworkers para coñecer de primeira man os proxectos de nova incorporación deste espazo e as dinámicas de colaboración que establecen os e as integrantes.
Paz destacou a importancia desta iniciativa pois “con ela, o Concello de Ames, quixo dar un paso máis no ámbito da promoción económica e empresarial e pouco a pouco iremos vendo os froitos deste investimento”.
As empresas instaladas na actualidade son 12: Impulsa Dixital, Indigena Films, Palabra Xeneradora, Marxe e Territorios Latentes, Aquelando S.L., Angel Marcelino Costa, Panda Lab English, Serea Film, Temporit, Leiloio Internacional, Eco-Huella, Andrea Ferreti Moncau.
A Proa
O local ocupa o andar baixo do edificio de entrada ao parque empresarial, e ten feitura de buque, de aí o seu nome. O espazo de coworking dispón dunha superficie de 400 metros cadrados e con acceso á Internet, reprografía, e un servizo de mentoring personalizado e asesoramento. Conta tamén cun espazo común con 36 postos de traballo e tres postos en despachos independentes. Se os postos fixos non se ocupan todos, haberá postos eventuais que se poderán empregar días concretos para facer xuntanzas ou para acudir ao coworking en días soltos durante a semana.
Dispón dunha sala de reunións multimedia para impartir formación; unha zona de recepción; unha zona de espera, ademais de armarios indivisuais, escritorios para traballo individual e colectivo e unha zona de descanso para lunch ou café.

PUBLICIDADE