O FIGA pecha a súa 3ª edición destacando a necesidade de facermos contidos máis inclusivos
luns, 10 de novembro do 2025
O III Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), organizado pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña, pechou a súa terceira edición consolidándose, en palabras das ditas entidades, “como un espazo de referencia para a reflexión sobre a diversidade e a inclusión no sector”.
Durante tres días, o Espacio Avenida e os Cantones Cines convertéronse no epicentro dun debate plural que reuniu a creadoras, profesionais e especialistas galegos e estatais para abordar os retos e oportunidades dun audiovisual máis plural, accesible e comprometido coa realidade diversa da sociedade galega.
A Academia Galega do Audiovisual valorou “moi positivamente” o desenvolvemento do encontro e destacou que “o FIGA demostrou que o audiovisual galego é un espazo vivo, con vontade de transformarse e de incorporar novas miradas. Os debates foron profundos, abertos e necesarios para avanzar cara a unha industria máis inclusiva”.
Entre os momentos máis destacados desta edición estivo a presentación do informe do Observatorio para a Diversidade no Audiovisual (ODA), que ofreceu unha análise detallada da situación da representación nas producións galegas actuais. Segundo o estudo, a ficción galega de 2025 continúa amosando unha presenza maioritaria de personaxes masculinos, cun 61,8 % fronte ao 38,2 % de personaxes femininos. A diversidade racial segue a ser reducida, xa que só o 7,3 % dos personaxes pertencen a colectivos racializados. A presenza de personaxes con discapacidade sitúase nun 2,4 %, mentres que a representación do colectivo LGBTIQA+ acada un 3 % nas series galegas, un 7 % nas longametraxes e unha media global do 4,9 % en conxunto.
A programación, comisariada pola xestora cultural Salima Jirari, combinou actividades que exploraron diferentes dimensións da representación no cinema e na televisión. O foro inaugurouse cun estudo de caso sobre o Festival Norte Cinema Diverso, seguido dunha selección de curtas que abordaban temas de identidade e pertenza, e rematou cunha performance poética e visual da creadora Nuria Vil, que converteu o corpo e a palabra en ferramentas de expresión colectiva.
As seguintes xornadas reuniron voces recoñecidas do ámbito galego e estatal en mesas de debate como Describindo a norma, centrada en como o cinema pode cuestionar os marcos tradicionais de representación; Novas perspectivas na produción, que puxo o foco na diversidade nos procesos de produción; ou O casting como oportunidade para ampliar imaxinarios, na que profesionais do sector reflexionaron sobre o papel transformador das decisións de reparto.
Tamén foron salientables espazos de análise práctica sobre temas emerxentes, como a coordinación de intimidade e a accesibilidade nas rodaxes, e conversas sobre a relación entre identidade, memoria e creación audiovisual, con participación de cineastas como Xiana do Teixeiro, Jiajie Yu Yan e Alejandro Marín.
A clausura chegou coa proxección do filme La Furia, protagonizado por Ángela Cervantes e Àlex Monner, e un coloquio coa produtora Mireia Graell, moderado pola escritora Andrea Nunes, que puxo o broche a tres días de aprendizaxe compartida e inspiración colectiva.
