O Facom Fest celebrará un gran concurso de Mario Kart Wii na súa cuarta edición
venres, 7 de novembro do 2025
Comezou a conta atrás para o Facom Fest, o festival organizado polo alumnado da USC, que nesta cuarta edición programa tres concursos: un torneo Mario Kart Wii, un concurso de curtametraxes de 7 segundos e un de escritura creativa. As bases dos certames pódense consultar na web do Facom Fest.
A cita vén da man do alumnado de cuarto de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela revive o Facom Fest do 24 ao 27 de novembro. Nesta nova edición do festival centrado nos filmes creadas en contextos educativos, o programa de actividades contará con coloquios, conferencias e outros contidos que serán anunciados nas vindeiras semanas e completarán as primeiras iniciativas en ser lanzadas ao público: tres concursos que buscan promover o entretemento e a creatividade na creación audiovisual e narrativa.
Torneo Mario Kart Wii
A organización explica que “a pesar da súa curta traxectoria na historia, os videoxogos forman parte da cultura popular e do día a día de moitas persoas”. Dende o Facom Fest recoñécese a importancia da industria dos videoxogos no marco xeral do audiovisual e no entretemento de xeracións enteiras, de aí que o alumnado responsable do certame traia á Facultade de Ciencias da Comunicación unha actividade retrospectiva: un torneo de carreiras por parellas de Mario Kart Wii, que culminará nun gran premio entre os dous mellores equipos. O gañador recibirá un premio sorpresa.
A inscrición quedará aberta desde o xoves 6 de novembro de 2025 ata o mércores 19 de novembro de 2025. O torneo levarase a cabo o xoves 20 de novembro ás 18:00 na facultade de Ciencias da Comunicación. A actividade tamén recibirá ao público xeral que queira acudir como espectador ata completar aforo.
7 Segundos
Outra das actividades será un concurso de curtametraxes de tan só 7 segundos organizado da man do Club de Cine Facom, cuxos membros actuarán á súa vez como xurado, co propósito de “estimular a inventiva e o talento visual dentro da comunidade educativa”. Desde o Facom Fest, convídase a todo o público interesado a “crear historias breves onde a limitación do tempo sexa motor de creatividade”. O tema proposto para as pezas é “fóra de campo” e a inscrición realizarase a través do formulario dispoñible na páxina web do festival ata o martes 21 de novembro.
Concurso de Escritura Creativa
Organizado en colaboración co Club de Lectura da Facom, cuxos membros tamén actuarán como xurado, este concurso consistirá na creación de relatos breves en prosa coa temática “conflito”. Tal como indican as bases, búscanse “relatos onde a sorpresa, o contraste e a confrontación se convertan no eixo narrativo.” O rexistro de historias realizarase tamén a través do formulario dispoñible na web do Facom Fest e quedará aberto tamén ata o martes 21 de novembro.
