O Festival de Jazz de Rianxo poderá verse en streaming

luns, 3 de agosto do 2020 S. P.

Esta semana Rianxo ponse no punto de mira dos seareiros da música. Entre o xoves 6 ao sábado 8 de agosto celébrase a cuarta edición do Festival Noites de Jazz de Rianxo, unha convocatoria marcada pola COVID (con todo o que isto implica de restricións a aforamentos, necesidade de distanciamento, medidas de control sanitario, etc) pero tamén por un esforzo especial da organización por achegar un coidado programa de actividades que reunira as vantaxes do presencial e, tamén, as capacidades das novas tecnoloxías para romper barreiras e achegar concertos sen límites espaciais. De feito, segundo confirmou estes días o Goberno de Rianxo, o festival vai ser retransmitido en streaming, dende o Auditorio, a través de Youtube. Será a través da canle do Concello nesta rede social. O primeiro concerto será o de Pablo Sanmamed Trío, este xoves 6.
A mostra
O festival deste ano combina concertos cunha exposición, a mostra Jazz Espido. 17 debuxos de Eva Lloréns e 17 poemas de Mª do Carme Kruckemberg, inaugurada o 24 de xullo no Centro Sociocultural-Auditorio. Consiste nunha homenaxe pictórico-poética aos camiños de coñecemento, expresión e comunicación abertos polo jazz. A mostra xorde do traballo conxunto, orixinariamente en formato libro (editado por Barbantesa), da poeta viguesa María do Carme Kruckenberg e maila artista Eva Lloréns. Jazz espido cingue textos sobre grandes instrumentalistas e voces do jazz acompañados de espidos masculinos e femininos que “ilustran os movementos e sentimentos dos versos”, segundo reza no resumo do proxecto, unha colección de “imaxes feitas palabras que expresan a admiración da autora pola música do jazz”.
Os concertos
A música tomará a palabra entre o xoves 6 e o sábado 8 de agosto, coa cuarta edición do Festival Noites de Jazz de Rianxo. Será no Centro Sociocultural-Auditorio ás 22.30 horas (actividades con reserva previa). O xoves 6 de agosto actuará o Pablo Sanmamed Trío; o venres será a quenda do Pablo Castanho Quartet; e o sábado 8 a protagonista será a Swing Machine Orchestra. Organiza o Concello de Rianxo, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña e do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital (Ribeira).

PUBLICIDADE