O Fiat 500 terá versións co asistente de Google integrado

mércores, 31 de marzo do 2021 Marcus Fernández

A tecnoloxía está cada vez máis presente no interior dos nosos vehículos, pero iso non fai que sexa menos curiosa a alianza entre Fiat e Google para o lanzamento dunha serie especial do Fiat 500 alcumada Hey Google e que integra os servizos Mopar Connect co asistente de Google, de xeito que o automóbil pasa a comportarse como un dispositivo máis do ecosistema de Google, ou sexa, que podemos obter información do vehículo e interactuar con el non só mediante voz no seu interior, senón tamén dende o smartphone ou dende altofalantes conectados e outros dispositivos que integren o asistente de Google.
O asistente de Google pode achegar información como a localización do vehículo, o seu nivel de combustible ou incluso se deixamos o maleteiro aberto, que xunto cos servizos de Mopar Connect e My Fiat permite gozar de todo un coche conectado que nesta ocasión chama poderosamente a atención polo impacto que Google ten na estética do interior e o exterior do vehículo, xa que presenta os motivos do asistente de voz nos asentos e noutros elementos físicos, de xeito que Google non se deixa notar só pola pantalla táctil de 7 polgadas situada no cadro de mandos, compatible con CarPlay e Android Auto.
Estes novos Fiat 500 chegarán ao mercado en 3 versións cun prezo que parte dos 12.500 euros.

Até os asentos dos novos Fiat 500 presentan un deseño inspirado no asistente de Google
Os novos Fiat 500 integran unha pantalla de 7 polgadas compatible con CarPlay e Google Auto

Convocatoria de prensa na que se deron a coñecer os novos Fiat 500

PUBLICIDADE