O Foro DIRCOM Galicia marca o camiño transformador da comunicación estratéxica

martes, 30 de xaneiro do 2024 S. P.

Este martes 30 inaugurouse no Círculo de Empresarios de Galicia o I Foro DIRCOM Galicia. La Comunicación Estratégica. Na sesión de apertura participou a vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, xunto á presidenta de DIRCOM Galicia, Tesa Díaz-Faes e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites. “Trátase dun foro moi necesario, que nos permite reciclarnos, formarnos e intercambiar experiencias e boas prácticas” así como “debater e reflexionar sobre cuestións relacionadas coa comunicación que necesitan unha atención especial neste momento que vivimos”, asegurou a vicepresidenta na apertura do encontro.
Fernández-Tapias, que comezou a súa intervención resaltando o papel estratéxico de Vigo no ámbito empresarial e da comunicación, incidiu na importancia da comunicación estratéxica “como garantía de éxito de toda organización, xa que repercute de maneira positiva nos resultados das empresas e institucións e en como se vai construíndo e afianzando a reputación corporativa”.
Tamén tivo oportunidade de reflexionar sobre o impacto das novas tecnoloxías, da dixitalización, da Internet e das redes sociais na comunicación estratéxica, que obriga aos seus profesionais a enfrontarse a novos retos como o aumento da confianza, a necesidade de dirixir e motivar equipos de comunicación cada vez máis cualificados e preparados, o uso de datos, o desenvolvemento de novos roles profesionais, así como a importancia de chegar á audiencia nun mundo hiperconectado ou de construír relacións en tempos de desinformación.
O foro, impulsado pola asociación DIRCOM Galicia que está integrada por máis de 40 directivos e profesionais da comunicación que exercen en Galicia, naceu para concienciar ao tecido empresarial galego sobre o valor engadido que aporta ás compañías unha boa xestión da comunicación corporativa.
Nesta primeira xornada no Círculo de Empresarios de Vigo afondouse na reputación, no propósito corporativo e liderado, na comunicación interna e na atracción de talento, nos asuntos públicos e as relacións institucionais, na sustentabilidade e e na comunicación externa e a xestión de crises.
Neste primeiro encontro participaron como conferenciantes Yago de la Cierva, profesor do IESE Business School; José Manuel Velasco, adestrador e formador en Comunicación e Liderado; Carmen Lence, directora executiva de Lence-Grupo Leche Río; Federica Pirovano, de Comunicación Interna de INDITEX; Beatriz Mato, directora de Asuntos Corporativos de Greenalia; José Fernández- Alva, director xeral de DIRCOM; María Victoria Sánchez, directora de Comunicación de Nauterra; Margarita Hermo, directora de Comunicación de JEALSA; María Canle, directora de Comunicación global de El Pulpo; e Patricia Forteza, directora de Comunicación de Quirón Salud en Galicia.

PUBLICIDADE