O Foro Económico de Galicia di que o galego será un estímulo para as tecnoloxías lingüísticas

xoves, 25 de xaneiro do 2024 S. P.

O Foro Económico de Galicia celebrou este martes en Santiago a presentación dun informe que realiza un diagnóstico do uso das tecnoloxías lingüísticas en Europa, España e Galicia e que advirte do “medre exponencial deste tipo de ferramentas na vindeira década”. O traballo, dado a coñecer polos expertos do Foro Económico de Galicia, Senén Barro e Luís Otero, académicos da USC, foi desenvolvido coa colaboración de Carme Magariños, Diego Vázquez, Ignacio Rodríguez, María Bastida, Miguel Taín, María Baqueiro e Paulo Gamallo.
O informe di que o principal beneficio das solucións das TL (Tecnoloxías Lingüísticas) para as empresas é “utilizar a automatización para reducir custos e mellorar as operacións comerciais para maximizar a produtividade e a rendibilidade”.
Os expertos do Foro explicaron que as empresas que levan varios anos empregando solucións de Procesamento da Linguaxe Natural sosteñen que “esta tecnoloxía mellora a eficiencia, xera vantaxes competitivas, reduce o tempo de produción e riscos, aforra custos e permite acceder a novas oportunidades de negocio”.
Tamén lembraron que na actualidade o mercado a nivel global oscila entre os 15.000 e os 20.000 millóns e agárdase un incremento de ata 160.000 millóns a finais da década. A cota de mercado esperada para Europa a nivel global estimase no 20%, onde España ocupa o quinto posto cun 9% do mercado europeo. En España as comunidades punteiras son Madrid, Cataluña, País Vasco e Valencia, mentres Galicia ocupa a quinta posición. O estudo do Foro indica que as empresas galegas superan a media nacional, tanto no emprego da IA para a análise da linguaxe escrita coma no emprego da IA para converter a linguaxe falada en formato lexible por unha máquina.
Os autores consideran que “o feito de contar cunha lingua propia abre a porta á creación de solucións específicas adaptadas ás necesidades lingüísticas locais, permitindo unha mellor precisión do procesamento da linguaxe natural”. Ademais, engaden, “o desenvolvemento de aplicacións específicas favorece a adopción de tecnoloxías e fomenta a diversidade e inclusión na era dixital”.
Porén, recordan que a situación do galego non é equiparábel á doutras linguas como o inglés ou o castelán, polo que “precisa dun pulo decidido que a sitúe como lingua de uso convencional nos recursos tecnolóxicos de uso común pola sociedade”.
Nesta liña entran en xogo iniciativas como o Proxecto Nós, impulsado pola USC e a Xunta (Secretaría Xeral de Política Lingüística, Consellería de Cultura e Educación), que naceu con esa finalidade: a de acadar unha ampla variedade de recursos lingüísticos en galego de alta calidade e que serán publicados en formato dixital. O proxecto ten oito liñas de traballo que van dende a síntese de voz ao recoñecemento da fala, á tradución automática, á xeración de textos ou mesmo ós sistemas de dialogo.
O autores do traballo incidiron en que “en Galicia o sector das tecnoloxías lingüísticas eríxese como un eido de extraordinario potencial, impulsado pola riqueza de contar cun idioma propio, pero tamén insisten na necesidade de materializar este potencial”. E apuntaron: É” imperativo formar e nutrir de talento especializado, fortalecer a colaboración coa industria local, apostar por proxectos transversais que aproveiten sinerxias, e continuar impulsando o sector mediante investimentos financeiros e o acceso a recursos lingüísticos desde a Administración”.

PUBLICIDADE