O Foro Tecnolóxico de Emprego bate récords de participación

mércores, 23 de marzo do 2011 Raquel Noya

O 11 Foro Tecnolóxico de Emprego que celebra estes días a Universidade de Vigo e do que vimos dando detallada conta en Código Cero, celebrou onte a súa inauguración oficial na ETSE de Minas, cun emotivo acto que non quixeron perder as autoridades máis importantes da entidade académica, como os directores das escolas de Enxeñaría de Telecomunicación e Enxeñaría Industrial, Edita de Lorenzo e Luis González Piñeiro, encabezados polo vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán.
Tampouco faltou a presenza de José Ignacio Armesto, director da Área de Emprego da Universidade de Vigo, nin de Lino Comesaña, director do Instituto de Desenvolvemento de Novacaixagalicia (habitual xa no foro), quen recoñeceu que “cada ano gústame máis, xa que vexo caras de entusiasmo entre o alumnado no que supón o seu primeiro contacto coa realidade”.
A realidade á que se refire Comesaña non é outra que o eido laboral, materializado no foro a través da presenza de futuros empregadores destes alumnos e alumnas de enxeñaría, que unha vez rematados os seus estudos deberán dar o mellor de si nas entidades que confíen neles para o seu primeiro contrato laboral.
Este foro é unha iniciativa que parte do estudantado e en palabras da súa coordinadora xeral, Alicia Pérez, “ten máis empresas que o ano pasado”, o que demostra unha actitude optimista de cara a solventar a crise, tanto por parte dos alumnos como dos empresarios.
O Diario da Universidade de Vigo (DUVI) apunta que “entre os postos distribuídos na ETSE de Minas hai empresas que repiten, como Optare, R, Insa ou Imatia, e outras que chegan por primeira vez, tal é o caso de Alcoa ou Babel”.
Todas estas empresas “valoran o feito de que sexa unha iniciativa do estudantado, así como a súa boa organización, das mellores que nos atopamos ata agora”, asegura Beatriz Barrios, responsable de Selección e Contratación de Babel.
Cabe salientar por último, que a maioría das empresas que acuden puntualmente a este Foro, xa incorporaron ao seu equipo a enxeñeiros e enxeñeiras que lles entregaron os seus currículums en edicións pasadas, un dato moi positivo que achega esperanzas a un sector que, como outros moitos, está a atravesar un mal momento.

PUBLICIDADE