O Foro Tecnolóxico de Emprego celebra cunha edición especial os seus 25 anos

martes, 10 de decembro do 2024 S. P.

Será no mes de marzo do ano que vai entrar, 2025, o 25 aniversario do Foro Tecnolóxico de Emprego, unha feira, impulsada por estudantes das escolas de Enxeñaría do Campus de Vigo. O encontro para festexar os 25 anos do Foro Tecnolóxico será os días 11 e 12 de marzo e dende a organización agardan que sexa unha das máis numerosas en cantidade de empresas asistentes.
Este evento servirá de antesala ao mercado laboral para o alumando asistente, que poderá entregar os seus currículos ás compañías presentes, coñecer as demandas e tendencias do mercado laboral e asistir a relatorios, mesas redondas e obradoiros.

José Luis Rodríguez Rodríguez, coordinador de Organización; Iago Vázquez Quiroga, coordinador xeral e Belén Parente Artime, coordinadora de Comunicacións

Cómpre dicir que este ano son 17 mozos e mozas os que se encargan da organización do Foro Tecnolóxico de Emprego, tres da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, tres da EE Industrial e once da EE de Telecomunicación. Á fronte do grupo está Iago Vázquez Quiroga (alumno do Máster de Enxeñaría Industrial), e xunto a el conforman o equipo directivo José Luis Rodríguez Rodríguez (estudante de 4° curso de Enxeñaría de Telecomunicación) como coordinador de Organización e Belén Parente Artime (alumna do Máster de Enxeñaría de Minas) coordinadora de Comunicacións.
Para Iago Vázquez o segredo que hai detrás do Foro Tecnolóxico de Emprego e a clave para que cada edición supere á anterior é “un gran traballo en equipo sumado a unha gran coordinación. É típico dicilo, pero a chave do éxito reside no grande equipo que se forma cada ano, a pesar de sufrir grandes cambios, todos os anos o espírito Foro mantense entre todos os integrantes, todos traballamos para que o evento sexa o mellor posible”. En total, entre todas as edicións pasadas foron arredor de 250 os mozos e mozas que investiron o seu tempo na organización destes evento, que se celebrou incluso durante a pandemia cunha edición totalmente virtual.
Para o coordinador xeral é, en resumo, o mellor evento que teñen os estudantes para coñecer e falar de ti a ti coas empresas do sector tecnolóxico. “Aínda sendo de primeiro de grao, poden comezar a falar con empresas do seu interese, para coñecer mellor que fan e que prácticas ou traballos ofrecen. Canto antes comecen, antes perderán o medo a falar coas persoas responsábeis de recursos humanos, ademais de ter acceso a mellores oportunidades laborais”.
Con tres meses por diante para acabar de darlle forma á edición do 25 aniversario, dende a organización adiantan que este ano será “moi especial, temos preparadas moitas novidades para o evento”, sen querer dar máis detalles. O que si avanzan é que será unha edición moi numerosa, xa que agardan contar con máis de medio de cento de empresas, que estarán a disposición do alumnado durante os dous días que durará o evento.