O Foro Tecnolóxico de Emprego celebrará o seu 25 aniversario cunha edición récord

venres, 21 de febreiro do 2025 S. P.

O Foro Tecnolóxico de Emprego vai conmemorar esta tempada o seu primeiro cuarto de século cunha “edición de récord”, segundo informou a organización, que engade que a cita celebrarase os días 11 e 12 de marzo no Campus de Vigo e contará coa participación de 51 empresas, superando con moito cifras de anos anteriores".
Hai dous anos viñeron 33, isto fala do rápido crecemento da organización e do grande interese que teñen para participar neste evento”. Así o explica Iago Vázquez Quiroga, coordinador xeral do foro, que participou na presentación da nova edición no edificio Redeiras, xunto con José Luís Rodríguez Rodríguez, coordinador de organización, e Belén Parente Artime, responsábel de comunicación deste evento.
Eles son tres dos 17 membros do equipo de estudantes das tres escolas de enxeñaría do cCmpus de Vigo (EE Industrial, EE de Telecomunicación e EE de Minas e Enxería) que están detrás desta edición.
Xunto cos representantes da organización, na presentación da nova edición estivo presente tamén o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e os responsábeis das escolas de enxeñaría do campus (José Fariña, director EE Industrial, Rebeca Díaz, directora da EE de Telecomunicación e María Araujo, subdirectora da EE Minas e Enerxía). Os catro felicitaron á organización por sacar adiante un evento coma este e mantelo vivo durante 25 anos. O reitor agradeceu aos 139 colaboradores e 17 organizadores que fan este evento posíbel “o voso traballo, o voso compromiso e a vosa implicación” e estendeu o agradecemento ás tres escolas polo apoio que lles prestan. Sobre a base destas cifras, Reigosa augurou “un éxito sen precedentes” que pouco marxe de mellora vai deixar para futuras edicións, aínda que “no peche da edición 2024 tamén pensábamos que ía ser difícil de superar” e, un ano despois, “o salto diría que é case cuántico”.
A directora da EET referiuse ao foro como “un caso paradigmático de éxito” que comezou como “unha iniciativa un pouco máis modesta pero marcou un estilo no resto das asociacións” polo modo de traballar e de transferir os coñecementos de xeración en xeración de estudantes. A subdirectora de Minas e Enerxía poñía en valor que “neses dous días, as escolas énchense de xente, de empresas e é unha oportunidade moi interesante para facer un primeiro achegamento ao mundo profesional”. O responsábel da EEI, José Fariña, tamén recalcaba a importancia que ten este evento para a formación do alumnado, sobre todo “en competencias que non se abordan na aula” relacionadas coa comunicación, a proactividade, o traballo en equipo, etc. “moi valoradas polas empresas”.
Segundo indicaron, a principal novidade desta edición é a ampliación do número de prazas para empresas. “Nos últimos anos”, explicaba Iago Vázquez, “quedaban fóra compañías que querían participar”, por iso este ano apostaron por crecer: serán 10 empresas máis que en 2024 e 18 máis que en 2023. En total serán 51 empresas tecnolóxicas de todo tipo, dende grandes multinacionais e empresas estranxeiras ata empresas galegas e da área metropolitana de Vigo, “un récord histórico do foro”. Os organizadores amosábanse moi satisfeitos por contar “con grandes compañías pero tamén con entidades que naceron en Vigo ou mesmo spin-offs da UVigo que agora son referentes no seu sector”. Entre os nomes confirmados, firmas como Alén Space, Borgwarner, Applus, Egatel, Finsa, Gradiant, Oesía, Indra, KPMG, Marine Instruments, Norvento, Optare Solutions ou Televés.
Esta edición do 25 aniversario será de récord tamén no que atinxe a alumnado implicado: 17 coordinadores e 139 alumnos colaboradores procedentes das tres escolas do Campus de Vigo.
No que se refire ao programa, para esta edición a organización optou por reducir o número de conferencias e centrar os esforzos en "organizar obradoiros de traballo para que acheguen o máximo valor posíbel ao alumnado”. Non faltará unha das actividades que, segundo José Luis Rodríguez, coordinador da organización, máis lle gusta ao alumnado e ás empresas: o speed recruiting, “unha dinámica de entrevistas curtas, que dada a demanda realizarase en dúas quendas, para que poida participar máis alumnado”.