O Foro de Interacción Matemática Industria adianta dende o CITIC as fórmulas para resolver os grandes retos mundiais

venres, 4 de xuño do 2021 S. P.

O talento matemático, tan ben representado nas nosas tres universidades, é unha oportunidade para cambiar o mundo. Esta foi unha das conclusións achegadas este venres durante o transcurso do XIV Foro de Interacción Matemática Industria, organizado por ITMATI e celebrado no CITIC da Universidade da Coruña. O evento, inaugurado polo reitor Julio Abalde, deixou claro o importante crecemento, nas empresas, de perfís profesionais ligados á tecnoloxía matemática avanzada. Tamén puxo de manifesto o potencial destes profesionais para resolver os grandes retos sociais do futuro mediante o que xa se coñece como Industria 5.0.
A inauguración da xornada correu a cargo do reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, acompañado por Salvador Naya Fernández, presidente de ITMATI e vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, e por Manuel González Penedo, director do CITIC e catedrático da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial, da mesma universidade.
Representantes académicos e das empresas participantes coincidiron en destacar “a alta cualificación matemática e estatística tanto dos investigadores como dos estudantes que cursan programas de grao ou mestrado nas universidades da nosa comunidade, o que xera un ecosistema moi atractivo para un mercado laboral no que escasean estes perfís, ademais de xogar un papel esencial no fortalecemento da economía e os servizos dixitais en Galicia”. De feito, engadiuse, “as profesións con alta intensidade nesta ciencia xa achegan á economía española o mesmo que o sector do turismo, e a súa produtividade hora é até un 50% superior á alcanzada noutras profesións”.
Durante a mañá, responsábeis de empresas e consultoras tecnolóxicas presentaron ante máis dun centenar de asistentes (presenciais e en liña) os casos de éxito que desenvolveron para sectores como o financeiro, o sanitario, o alimentario e o cosmético, entre outros, e que son extrapolábeis a toda a industria en xeral.
Maurizio Sanarico, responsábel de data science da consultora multinacional SDG Group, explicou os avances que desde a súa organización desenvolveron por mor da crise da COVID-19 no ámbito da Intelixencia Artificial aplicada á sanidade, para facilitar o acceso da sociedade ao medicamento preventivo e á telemedicina. Tras anunciar que este ano abrirá un dos seus centros de excelencia en Galicia para a captación de talento galego en datos e analítica, subliñou as oportunidades que brinda a IA protexer a saúde das persoas, e presentou DocDot, unha innovadora aplicación de diagnóstico en remoto que analiza imaxes da pel dos pacientes a través dos seus propios teléfonos móbiles, podendo detectar micro-variacións de cor que achegan información sobre bioindicadores como os ritmos respiratorio e cardíaco, ou a saturación de osíxeno, dos que se poden extraer patróns de comportamento e adiantarse a posíbeis incidencias na saúde.
Pola súa banda, Aitor Biain Galdos, xerente da consultora tecnolóxica Almis, presentou un software de xestión que permite controlar as carteiras de produtos financeiros por parte de investidores e entidades, facilitando a información necesaria para tomar decisións e operar no mercado minimizando os riscos, servíndose de cálculos matemáticos complexos e intensivos que se poden aplicar a outras moitas industrias.
Tamén no ámbito das finanzas, Adrián Pacheco Paz, xefe de equipo de Álamo Consulting, deu a coñecer a plataforma que utiliza o setenta por cento das entidades bancarias españolas e que xera os máis de seiscentos informes que estas deben fornecer con diversas periodicidades a organismos reguladores como o Banco de España, o Banco Central Europeo ou a CNMV. Para iso apóiase nunhas dúas mil variábeis, “o que asegura o coñecemento e control de todas as operacións, en aras dunha maior transparencia e fiabilidade do sistema financeiro”, explicou Pacheco.
Pola súa banda, Maruxa Quiroga García, CEO e co-fundadora da empresa lucense Tastelab, presentou o software Sensesbit, que a partir de algoritmos de Intelixencia Artificial realiza unha intensiva análise de datos de percepción sensorial, co fin de garantir o éxito de produtos no mercado (alimentario e cosmético especialmente) a partir das respostas dos consumidores e de avaliadores expertos.
A intervención de Guillermo Renancio Artal, director de Expansión, Tecnoloxía e Alianzas do Grupo Nova Pescanova, versou sobre modelos preditivos de evolución de contornas naturais e benestar animal en contornas físicas multifactoriales naturais sen intervención humana, co fin de transformar a acuicultura tradicional en intelixente e automática, facilitando o traballo dos técnicos de campo e o control remoto das condicións ambientais.
Pola súa banda, Adriel Regueira Suárez, responsábel de IT e Ciberseguridade da empresa Tecdesoft, explicou o novo paradigma da fabricación avanzada cara ao que se coñece como Data Driven Automation, utilizando modelos de Intelixencia Artificial para tomar mellores decisións.
En representación do ITMATI interveu o xerente Rubén Gayoso Taboada, quen expuxo o traballo de transferencia tecnolóxica e innovación matemática á industria que se realiza desde o centro, situado como un dos principais actores da matemática industrial en España, a cuxa proxección internacional contribúe.
Como colofón á xornada, os profesores Elena Vázquez Cendón e Julio González Díaz, investigadores adscritos a ITMATI, presentaron os dous programas de mestrado que imparten conxuntamente as tres universidades galegas, que son o Máster de Matemática Industrial (M2i) -con participación das universidades Carlos III e Politécnica de Madrid- e o Máster en Técnicas Estatísticas (MTE), dos cales son coordinadores xenerais.

PUBLICIDADE