O Foro de Talentia Summit porá o broche de ouro a unha feira que superou os 23.000 participantes virtuais

venres, 18 de novembro do 2022 S. P.

O auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura (Santiago) acollerá o próximo xoves 24 novembro de 2022 ás 18.30 horas unha das grandes actividades estrela do evento Talentia Summit edición 2022: o seu Foro. Yolanda Vázquez será a condutora dun acto que contará con relatores de prestixio. A vertente artística virá da man de Fredi Leis, músico e compositor compostelán. Será unha xornada de talento, innovación e coñecemento avanzado.
Coincidindo co ecuador da feira virtual de talento e emprego Talentia Summit’’22, que comezou este 9 de novembro, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o responsábel do Departamento de Emprego, Xabier Ferreiro, aproveitaron para facer balance dos resultados obtidos ata o momento e desvelar os detalles do Foro Talentia 2022 que se celebrará a vindeira semana e que porá o punto final a esta edición.
O alcalde anunciou que Talentia Summit’’22 "contaba até este 16 de novembro con 22.893 usuarios activos na feira virtual, 2.368 prazas reservadas en cursos de formación e certificacións oficiais, 2.042 currículos intermediados para as 594 vacantes ofertadas e 1.069 vídeo-conferencias en entrevistas virtuais con empresas". Trátase dunhas "cifras tremendamente importantes que indican que este evento está cumprindo a súa misión de potenciar e poñer en valor o talento", engadiu o rexedor.
Talentia, engadiu, ofrece “un gran catálogo de actividades gratuítas e que lles permiten ás persoas conectar de forma áxil e sinxela cunha gran rede de empresas e organizacións que están á procura de talento”. O evento pon ademais á disposición das persoas interesadas “unha ampla oferta formativa, certificacións oficiais e unha unidade de desenvolvemento profesional”, explicou o rexedor compostelán.
Foro Talentia
Durante a rolda de prensa tamén se presentou o Foro Talentia 2022 que será o vindeiro xoves 24 de novembro en xornada de tarde, de 18:30 h a 20:45 h no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura. As entradas poderanse reservar de forma gratuíta na a través da web de Talentia Summit ‘22.
Lembrar que a anterior edición do foro tamén se celebrara, con gran éxito, na Cidade da Cultura. O evento será difundido en tempo real mediante streaming.
O Foro Talentia 2022 será inaugurado por Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago e reunirá referentes do talento en diferentes áreas:
- Gemma Ventura Santasusana
Happines hunter - experta en Procesos de Xestión da Felicidade
- Juan Antonio Báez Morín
Vicepresidente do Consello da Xuventude de España
- Eva Porto
Psicóloga, recrutadora e creadora de contidos
- Luis Gil
Catedrático da ETSI Montes, Forestal do Medio Natural
- Miriam Blanc
Product owner - BPM | Automatización, intelixencia e minería procesos
O broche musical o porá Fredi Leis, recoñecido músico e compositor nacido en Santiago conseguirá crear o ambiente perfecto para clausurar a edición 2022 do Talentia Summit.

PUBLICIDADE