O Foro de Talentia Summit puxo o broche de ouro a unha feira que superou os 26.000 participantes virtuais

venres, 25 de novembro do 2022 S. P.

O auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura (Santiago) acolleu este 24 novembro de 2022 o broche de ouro de Talentia Summit (edición 2022), a feira de emprego, emprendemento e innovación do Concello de Santiago. Estamos a falar do Foro de Talentia Summit, que constituíu a vertente máis presencial do programa. Yolanda Vázquez foi a condutora dun acto que contou con relatores de prestixio. A vertente artística veu da man de Fredi Leis, músico e compositor local. O foro foi inaugurado polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, na compaña do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.
Amais, contou coa presenza de diversos referentes do talento en diferentes áreas (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, matemáticas, educación, mercadotecnia, recursos humanos ou economía), como Gemma Ventura Santasusana (experta en Procesos de Xestión da Felicidade), Juan Antonio Báez Morín (vicepresidente do Consello da Xuventude de España), Eva Porto (psicóloga, recrutadora e creadora de contidos), Luis Gil (catedrático da ETSI Montes, Forestal do Medio Natural) e Miriam Blanc (experta en automatización, intelixencia e minería procesos). O foro foi, en palabras da organización, unha gran festa do talento, a innovación e o coñecemento avanzado.
Balance
Coincidindo coa recta final da feira virtual de talento e emprego Talentia Summit’’22, que comezou o pasado 9 de novembro, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o responsábel do Departamento de Emprego, Xabier Ferreiro, aproveitaron para facer balance dalgúns dos resultados obtidos nesta nova convocatoria. O alcalde anunciou que Talentia Summit’’22 contou finalmente con 26.000 usuarios activos na feira virtual (conectados o 90% deles dende diferentes recantos do ámbito estatal, boa parte dos cales -o 17%- dende Santiago, aínda que tamén de Madrid, Vigo, A Coruña, Barcelona, Pontevedra ou Sevilla), 2.417 usuarios de cursos de formación e certificacións oficiais, 2.300 currículos intermediados para as 594 vacantes ofertadas e 1.100 vídeo-conferencias en entrevistas virtuais con empresas. Trátase dunhas "cifras tremendamente importantes que indican que este evento cumpre a súa misión de potenciar e poñer en valor o talento", engadiu o rexedor.
Talentia, engadiu, ofrece cada ano “un gran catálogo de actividades gratuítas e que permiten ás persoas conectar de forma áxil e sinxela cunha gran rede de empresas e organizacións que están á procura de talento”. O evento pon ademais á disposición das persoas interesadas “unha ampla oferta formativa, certificacións oficiais e unha unidade de desenvolvemento profesional”, explicou o rexedor compostelán.
Formato híbrido
A nova convocatoria de Talentia Summit desenvolveuse en Santiago entre o 9 e 18 de novembro do 2022, co engadido do seu capítulo presencial: o foro. Contou cun formato híbrido (primeiro virtual e logo físico) e tivo o obxectivo de “afianzar a recuperación económica sobre alicerces de crecemento sólidos e con perspectivas de futuro”.
Durante os dez días de actividade de Talentia (máis o foro do día 24 de novembro) achegouse un amplo programa de actividades dirixidas á potenciación do talento, dando visibilidade ás organizacións e empresas máis comprometidas co desenvolvemento, a promoción e a retención destas capacidades. Doutra banda, os/as participantes puideron presentarse as empresas, acreditarse mediante certificacións de competencias dixitais ou idiomas, e asistir a conferencias, obradoiros ou exposicións sobre a transformación dixital e outras moitas actividades para mellorar a súa capacidade de acadar un emprego.