O ForoTelecos 2025 anuncia unha alianza pioneira e decisiva para as telecomunicacións en Ourense
venres, 21 de novembro do 2025
A Bodega Pazo Tizón (Boborás, Ourense) acolleu este venres 21 de novembro a gala ForoTelecos Galicia 2025 – Premios Enxeño, un encontro que reuniu a profesionais, empresas tecnolóxicas, universidades e administracións públicas para analizar os retos presentes e futuros do sector e recoñecer a figuras destacadas do ecosistema TIC galego.
A edición estivo marcada por un anuncio institucional por parte da Deputación de Ourense que a organización da galega cualificou de “novidade de gran alcance para a provincia e para o conxunto do sector das telecomunicacións”. Durante o seu discurso, o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, fixo público o inicio dunha colaboración estable co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación de Galicia (COETTGA), destinada a “mellorar as infraestruturas de telecomunicacións en toda a provincia, con especial atención ao rural”.
“Iniciaremos unha colaboración pioneira para estudar e mellorar as infraestruturas de telecomunicacións en toda a provincia, especialmente no rural. As telecomunicacións son estratéxicas e a nosa cidadanía non pode quedar illada”, afirmou, subliñando que esta alianza permitirá abrir novas oportunidades para o talento tecnolóxico e para o impulso empresarial: “Queremos crear oportunidades, atraer xente, impulsar negocio e poñer en valor unha industria tecnolóxica que xa é clave en Ourense”. Así mesmo, destacou o Programa Reto Rural Dixital, que permitirá formar en novas tecnoloxías a 6.000 veciños da provincia, especialmente persoas maiores e desempregadas.
O factor humano, protagonista na intervención do decano do COETTGA
O decano do COETTGA, José Manuel Martínez Pérez, centrou a súa intervención no valor humano que sostén o avance tecnolóxico. “Detrás de cada cable, cada antena ou cada algoritmo hai persoas con talento, ilusión e unha responsabilidade profesional que moitos sectores envexarían. Galicia é hoxe unha das comunidades que máis medra en emprego TIC e iso é grazas a este colectivo”, dixo, ao tempo que lembrou que a tecnoloxía non avanza soa: “Podemos falar de 5G, de intelixencia artificial ou de computación cuántica, pero o máis importante segue a ser o factor humanidade. A tecnoloxía avanza porque a empuxan profesionais con ética, criterio e visión de futuro”.
O decano celebrou a colaboración anunciada pola Deputación, que definiu como “un exemplo pioneiro, profesional, serio e replicable, que reforza o papel das telecomunicacións como motor de desenvolvemento para Galicia”.
A Xunta destaca o papel estratéxico do nodo Conectivi.gal

- Julián Cerviño foi o encargado de entregar o Premio Enxeño ao Mérito Institucional
O director da AMTEGA, Julián Cerviño, aproveitou a ocasión para destacar a importancia das tecnoloxías sen fíos para dar resposta ás necesidades específicas de Galicia e o papel que está a desempeñar o nodo Conectivi.gal neste ámbito.
O responsable da Axencia sinalou que as demandas de conectividade creceron exponencialmente e esténdense a todo tipo de dispositivos, que deben estar conectados para facilitar información sobre o territorio ou para a xestión de datos. Por iso, a Xunta fixo unha evolución do nodo 5G, creado en 2018, ao Nodo Conectivi.gal, unha estrutura público-privada para situarnos á vangarda do desenvolvemento de tecnoloxías como NB-IoT, LoRaWAN ou WiFi HaLow, ademais de fomentar o seu uso e aplicación e xerar coñecemento arredor delas.
Estas tecnoloxías serán claves no desenvolvemento de proxectos estratéxicos como a Plataforma Galega de Mobilidade, a Plataforma Agroforestal, as Residencias Intelixentes ou o Xemelgo Dixital de Galicia.
O director da AMTEGA concluíu recoñecendo o papel fundamental do sector tecnolóxico galego, que supera xa os 23.000 profesionais cualificados, configurando un ecosistema innovador, dinámico e preparado para liderar o presente e o futuro dixital de Galicia.
Os Premios Enxeño 2025 recoñecen aos referentes do sector
A gala ForoTelecos 2025 recoñeceu tamén a profesionais, empresas e institucións que contribúen de forma decisiva ao desenvolvemento do ecosistema tecnolóxico galego.
Álvaro Soto Barja, Premio Enxeño Júnior
Enxeñeiro formado entre Vigo e Málaga, desenvolveu un TFG sobre unha estación base 4G aérea e terrestre para levar conectividade a zonas remotas. Seleccionado entre máis de 100 aspirantes para o programa Graduate do Centro de Innovación de Vodafone, traballou en proxectos IoT internacionais, foi recoñecido como Top Talent entre España e Reino Unido e participa en iniciativas de intelixencia artificial aplicadas a procesos críticos de telecomunicacións.
Francisco Javier Díaz Otero, Premio Enxeño á Iniciativa Empresarial
Profesor titular de Telecomunicación na Universidade de Vigo e director do laboratorio QOPHI Lab, é un referente internacional en fotónica integrada e comunicacións ópticas. É fundador e CEO de SPARC Foundry, a nova fábrica europea de semicondutores III-V con sede en Vigo, impulsora de tecnoloxías avanzadas para comunicacións, defensa, sensórica e aplicacións aeroespaciais.
Grupo EDITE e grupo @, Premio Enxeño ao Mérito Institucional
Recoñecido polo seu contribución continuada ao desenvolvemento do ecosistema TIC e polo seu compromiso coa formación, a innovación e o servizo público.
Óscar Outomuro Cid e Javier Castillo, Premio Enxeño ao Enxeñeiro do Año
Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación pola Universidade de Vigo e cofundadores de Sonen, empresa especializada en enxeñaría acústica desde 2007. Con máis de 2.000 proxectos realizados —desde mapas de ruído ata solucións de illamento e acondicionamento acústico— a súa actividade esténdese por toda Galicia, España e diversos proxectos internacionais. A súa traxectoria innovadora foi recoñecida co Premio USC a Proxectos Empresariais Innovadores (2008) e o Premio do Círculo de Jóvenes Empresarios (2011).
José Luís Fernández Carnero, Premio Enxeño á Excelencia en Telecomunicacións
Enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Barcelona, con máis de catro décadas de traxectoria no Grupo Televés como director de I+D, director estratéxico e membro do comité de direción. Impulsor de empresas como GSertel, TRedess e Arantia, participó en numerosos proxectos europeos e foi peza fundamental na creación do centro tecnolóxico Gradiant. Actualmente é presidente do Comité de Infraestruturas de AMETIC e membro da Xunta Directiva de UHD Spain.
Punto de encontro estratéxico para o sector TIC galego
O ForoTelecos Galicia consolídase como unha cita clave que combina análise, formación, networking e recoñecemento profesional. No seu última edición xuntou máis de 120 asistentes e reforzou a súa aposta pola innovación, a seguridade e as infraestruturas, o emprego cualificado, o desenvolvemento tecnolóxico no rural e o fortalecemento do tecido empresarial TIC.
