O GDG DevFest Galicia celébrase en Santiago o 17 de novembro

venres, 9 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

O vindeiro 17 de novembro, sábado, vaise celebra en Compostela o GDG DevFest Galicia, en palabras dos organizadores “un dos maiores eventos tecnolóxicos da nosa terra”. A cita será na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, onde teñen o seu centro operacións boa parte dos impulsores do evento (tamén estudantes da dita escola). Segundo nos contan, o GDG DevFest son eventos a grande escala dirixidos por e para a comunidade de usuarios e desenvolvedores de novas tecnoloxías. Celébranse cada ano en todo o mundo, polo que “non hai dous DevFest iguais”, aclaran. Porén, si que teñen en común o seguinte: “Están alimentados pola crenza de que cando os profesionais TIC se xuntan, cousas incríbeis poden ter lugar”.
Volvendo ao evento compostelán, está organizado polas diferentes comunidades GDG existentes na nosa xeografía, amais de contar co patrocinio de importantes empresas tecnolóxicas. Segundo nos contan, será “unha intensa xornada de actividades”, cunha duración total aproximada de oito horas e cun programa máis que completo de charlas e obradoiros. Haberá, tamén, xantar para os asistentes.
Igualmente, haberá sorteo dalgúns produtos tecnolóxicos, ao remate da xornada.
“As charlas serán de alto nivel, impartidas por ​ destacados profesionais do sector”, comentan os impulsores da cita, engadindo que esta contará coa presenza dun desenvolvedor experto de Google en materia de tecnoloxías na nube.
Toda a información sobre o evento pode ser consultada na páxina web do mesmo, onde son explicados outros moitos datos de interese: https://devfest.gdggalicia.com/.

PUBLICIDADE