O Gaiás acolleu a presentación da plataforma galega para fomentar hábitos saudábeis: Sanidade Mediaverso

venres, 12 de xaneiro do 2024 S. P.

A Cidade da Cultura acolleu este venres 12 de xaneiro a presentación da nova plataforma tecnolóxica Sanidade Mediaverso, coa que Xunta de Galicia promoverá os estilos de vida saudábeis entre a poboación galega. Na cita participou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen sinalou que a plataforma insírese no Plan Obesidade Zero e estrutúrase ao redor de catro grandes eixos que teñen por obxectivo contribuír ao mantemento dunha boa saúde entre os galegos e galegas. En concreto, a alimentación saudábel, a realización de actividade física, o coidado do benestar emocional e a prevención de condutas aditivas.
Sanidade Mediaverso contén recursos dixitais, audiovisuais, aplicacións, xogos e programas de Realidade Aumentada e Virtual, nos que se achegan solucións para acadar un estado de saúde óptimo, e cuxas destinatarias son persoas de todas as idades.
Na compaña da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; o titular da carteira sanitaria da Xunta destacou o “carácter integral” da plataforma ao abordar o coidado da saúde desde diferentes perspectivas, que inciden no tanto no ámbito do benestar físico, como no do emocional”.
Pola súa banda, a subdirectora xeral de Programas de fomento de estilos de vida saudables, Silvia Suárez Luque; e o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón; abordaron polo miúdo Sanidade Mediaverso e explicaron que a nova plataforma porá a disposición dos usuarios un planificador de comidas con menús equilibrados para oito semanas, e no que tamén se achegará a lista da compra necesaria, e as receitas para elaborar cadanseu menú. Amais, e co obxectivo de acadar “unha boa condición física e reducir o sedentarismo”, a plataforma contará coas aplicacións móbiles activAR-t e Camiña; vídeos con exercicios para realizar de xeito individual ou coa familia; a aplicación de RV EnMovemento, ademais de cursos formativos e consellos sobre a práctica do exercicio físico.
O terceiro dos piares nos que se sustenta a plataforma Sanidade Mediaverso é o benestar emocional, a saúde mental e o coidado do sono. Para isto, achegará diversos cursos con técnicas destinadas á redución do estres, pílulas audiovisuais de mindfulness ou recursos para levar a cabo unha xestión emocional axeitada.
Por último, e co ánimo de “reforzar a prevención sobre o consumo de substancias aditivas ou o tabaquismo”, a nova plataforma tecnolóxica da Xunta incluirá unidades didácticas para evitar o inicio do seu consumo, e tamén para axudar ao cesamento destes hábitos nocivos para a saúde.
Desenvovido pola UTE BiGXoia, Sanidade Mediaverso é un proxecto promovido pola Consellería de Sanidade, e financiado integramente con fondos europeos no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.