O Galaxy-Lab de ITG celebra o seu primeiro ano dando servizo a 50 empresas

mércores, 18 de decembro do 2024 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) remata o ano facendo balance do primeiro ano de actividade do seu Galaxy-Lab, instalacións para experimentación avanzada en Intelixencia Artificial (IA) aplicada á mobilidade aérea urbana, a enerxía intelixente e a dixitalización da industria. Con emprazamento na Cidade das TIC da Coruña (antiga Fábrica de Armas), recibiu nun só ano máis de 700 visitas e deu servizo a empresas punteiras como Telefónica, Airbus ou Telespazio que experimentaron e testaron en Galaxy-Lab os seus sistemas de mobilidade aérea urbana non tripulada para mercadorías ou persoas.
No balance faise saber que dende a súa posta en marcha en novembro de 2023, este laboratorio pioneiro deu servizo a 50 empresas. O ITG renovou ademais a súa aposta por este centro, ampliando o seu laboratorio de enerxía intelixente e en datas vindeiras, co novo ano, incorporará novos servizos relacionados coa ciberseguridade para o sector aéreo.
O instituto lembra tamén que esta infraestrutura tecnolóxica, que supuxo un investimento de 1,9 millóns de euros, dos que ITG achegou 1,4 millóns, consta, por unha banda, dun edificio de máis de 1.500 m2 dotado de equipamento avanzado para desenvolver a IA, a robótica, a electrónica e as comunicacións necesarias para “facer realidade as necesidades de dixitalización das empresas”. Ademais, no exterior conta cunha gran gaiola de 20m de altura e 225 m2 de superficie cunha rede de seguridade que permite ás compañías realizar probas de voo con sistemas aéreos non tripulados no ámbito do transporte de pasaxeiros e mercadorías en zonas urbanas con total seguridade. Onda ela habilítase un vertiporto para o despegue e aterraxe vertical de drons. Este laboratorio avanzado en IA conta cun equipo de traballo permanente de 20 profesionais de alta cualificación de ITG.
No seu primeiro ano de funcionamento, Galaxy-Lab deu servizo a empresas da industria de defensa e dos sectores enerxético, loxístico e aeronáutico, principalmente; entre elas, Telefónica, Airbus ou Telespazio. O ITG explica neste senso que “ademais da propia actividade tecnolóxica do centro tecnolóxico ITG no ámbito da Intelixencia Artificial, Galaxy-Lab é un centro de experimentación de alto nivel para empresas e entidades de investigación que precisan testar os seus sistemas de mobilidade aérea urbana para mercadorías ou persoas, no que é xa un referente europeo en probas con sistemas aéreos non tripulados”.
Ademais, representantes de institucións como AENA, ENAIRE ou a Dirección Xeral de Aviación Civil, o presidente da Xunta de Galicia, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP; os alcaldes da Coruña, Donostia, Santander, Xixón e Santiago de Compostela, así como corpos e forzas de seguridade do Estado quixeron coñecer as instalacións.
Por outra banda, Galaxy-Lab acolleu centos de asistentes a congresos estatais organizados por ITG. Como dixemos, estas instalacións pioneiras recibiron máis de 700 visitas.
Polo que se refire ás vindeiras ampliacións, o ITG está a levar a cabo unha ampliación do seu laboratorio de enerxía e redes intelixentes, unha infraestrutura que utiliza tecnoloxía preditiva para simular o funcionamento e rendemento enerxético de calquera contorna, desde o barrio dunha cidade a un polígono industrial ou infraestruturas como grandes hospitais ou industrias, mellorando e diminuíndo o custo enerxético global. A ampliación do equipamento, que estará lista en xaneiro, permitirá “potenciar a liña de investigación en hidróxeno renovábel grazas á instalación dun sistema que xerará este gas mediante electrólise de auga utilizando parte da electricidade renovábel sobrante no edificio para disociar a molécula en hidróxeno e osíxeno”. Este hidróxeno será utilizado, ben para reverter o proceso e xerar de novo enerxía que alimente ao edificio, ou ben para avaliar o seu emprego como combustíbel verde en mobilidade terrestre ou aérea (drons), explicou o ITG, engadindo que o Galaxy-Lab tamén contará cun sistema de recarga de vehículos eléctricos, que poderá ser utilizado polos empregados e visitas que xa dispoñan deste tipo de vehículos, de forma gratuíta e con enerxía 100% limpa e sustentábel.
Ademais, ITG está a ampliar a instalación fotovoltaica e a capacidade de almacenamento de Galaxy-Lab, de forma que espera que o edificio sexa 100% autosuficiente a nivel enerxético e, mesmo, poida compartir ata un 50% da enerxía sobrante con outros edificios de dentro e fóra do complexo de Cidade das TIC, o que sentaría as bases para a eventual creación dunha Comunidade Enerxética Local xestionada desde o propio Galaxy Lab con tecnoloxía ITG.
En palabras de Carlos Calvo Orosa, director xeneral de ITG, “o noso obxectivo é transferir o potencial da IA ao tecido industrial e, nese camiño, o laboratorio avanzado de ITG está a ser clave no noso crecemento a todos os niveis, especialmente na captación e consolidación de talento en Galicia cun persoal que supera neste final de ano as 140 persoas empregadas”.