O Galaxy Nexus estreará Android 4.0 o mes que vén

mércores, 19 de outubro do 2011 Marcus Fernández

A pasada noite Samsung e Google anunciaron o novo paso que dará o sistema operativo móbil Android, presentando o terminal Galaxy Nexus, que será o móbil insignia de Android 4.0 (tamén chamado Ice Cream Sandwich) facendo oficial a resolución de pantalla de 720p (alta definición) e apostando por pantallas de grande tamaño, no que supón un factor diferencial deste tipo de dispositivos co resto de smartphones do mercado.
O Galaxy Nexus (tamén coñecido anteriormente como Nexus Prime) chegará ao mercado o mes que vén e conta cunha pantalla Super AMOLED de 4,65 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, un procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 16/32 Gb de almacenamento interno, cámara de 5 Mpíxeles capaz de gravar vídeo a 1.080p e conectividade HSPA+ ou LTE (segundo o operador/mercado). Tamén destaca por ter un grosor de só 8.94 milímetros, un peso de 135 gramos, batería de 1.750 mAh e un deseño redondeado nos seus bordes.
O Android 4.0 é un novo paso do sistema operativo de Google que busca fusionar as versións para móbiles e para tablets de Android, para manter un ecosistema sólido, continuando a súa aposta polos widgets (agora redimensionables), as notificacións e a multi-tarefa, e engadindo funcionalidades como desbloqueo dos terminais mediante o recoñecemento facial, compartir contactos, páxinas web, aplicacións, mapas, vídeos... achegando o móbil a outro terminal con conectividade NFC, Wi-Fi Direct e Bluetooth HDP, recoñecemento de voz como sistema de escritura, integración de Google+ (o que facilita a mensaxería en grupo e a videoconferencia con ata 9 persoas máis á vez), substanciais melloras no control da cámara (como a creación de imaxes panorámicas), soporte de encriptación, monitor de consumo de datos (para saber o uso que fan da conexión á Internet das distintas aplicacións), maior integración das redes sociais coa axenda de contactos, pantalla de inicio e barra de favoritos personalizables e moitas outras pequenas melloras que enriquecen a experiencia de uso e melloran a usabilidade do sistema.
Cómpre destacar que o Android 4.0 poderá estar dispoñible para calquera dispositivo que funcione actualmente con Android 2.3, aínda que para tal actualización poderemos ter que agardar bastantes meses (non veremos actualizacións oficiais a Android 4.0 ata 2012).


Vídeo de presentación das características do Galaxy Nexus


Vídeo coa presentación íntegra de Samsung e Google

PUBLICIDADE